A Deputación da Coruña leva a Fitur Os Fogóns do Anllóns e as Fragas do Eume

Un acto da Deputación da Coruña en Fitur en 2022 (Imaxe: Nós Diario)
Os actos oficiais impulsados pola Deputación da Coruña na Feira Internacional de Turismo (Fitur) nesta semana teñen dous protagonistas indiscutíbeis: por unha parte o proxecto Os Fogóns do Anllóns, nucleado ao redor deste río, e por outra o patrimonio natural e paisaxístico das Fragas do Eume.

A feira especializada en turismo máis representativa do Estado español, Fitur, que comeza mañá en Madrid e concluirá o domingo, contará coa presenza dos cinco concellos de Bergantiños e dos cinco da comarca do Eume que participan nos Plans de sustentabilidade turística en destino. Farano da man da Deputación da Coruña.

A primeira das citas impulsadas polo ente provincial en Fitur centrarase no proxecto Os Fogóns do Anllóns, mañá, ás 12.30 horas na caseta de Turgaliza. No acto de presentación explicarase a iniciativa a través dunha peza audiovisual con intervencións de representantes dos sectores protagonistas. Desde o colectivo de mariscadoras do esteiro do Anllóns, ás produtoras e produtores de legumes e patacas; panadeiras e panadeiros; profesionais da restauración e mesmo deportistas que fan do Anllóns o hábitat ideal para a práctica de diferentes disciplinas.

Non falta o parecer dos cinco alcaldes dos concellos que fan parte do proxecto -A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana- e o do vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira. Alén da proxección do audiovisual, o acto contará con intervencións das Administracións implicadas.

O río Anllóns como centro

Os Fogóns do Anllóns, aprobado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco da convocatoria dos Plans de sustentabilidade turística en destino, é un proxecto concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sustentábel da comarca de Bergantiños. Transición verde e sustentábel; eficiencia enerxética; transición dixital e competitividade son eixos a través dos cales se desenvolverá esta aposta turística do departamento que dirixe Xosé Regueira.

O proxecto prevé creación dunha rede de miradoiros e praias fluviais; a limpeza e eliminación de especies invasoras nas beiras dos cursos fluviais e servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas. Tamén fai unha aposta decidida polo sendeiro do Anllóns: 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana. E busca, ademais, embelecer restaurantes a través de louza e manteis producidos na comarca. Así mesmo, impulsará feiras e deseñará rutas gastronómicas que aposten polo produto de quilómetro cero.

As Fragas do Eume

O proxecto das Fragas do Eume tamén se fundamenta na transición verde, na eficiencia desde o punto de vista enerxético, na busca do equilibrio sustentábel a nivel económico, na transición dixital e no compromiso co medio ambiente como motor de desenvolvemento. Prevé actuacións enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e económico que se quere implantar e diversificar a oferta no ámbito turístico así como no ámbito cultural e no das novas tecnoloxías.

Ademais, a iniciativa garante que o capital natural do sistema turístico vai tender á perennidade, é dicir, que non se vai distorsionar a sustentabilidade dunha contorna tan sensíbel como é a propia fraga nin os usos de carácter natural que debe ter este ecosistema, que constitúe un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. As posibilidades e atractivos que ofrece este territorio propiciaron que se aprobase o proxecto presentado pola Deputación á convocatoria de Plans de sutentabilidade turística en destino, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Catro éxitos da área de Turismo da Deputación

Os catro plans presentados pola Deputación da Coruña ás convocatorias ministeriais lograron un éxito total, con 1,5 millóns de euros de fondos europeos cada un: Os Fogóns do Anllóns; as Fragas do Eume e tamén Ortegal e Vía Verde. 

Entre todos suman 6 millóns de euros de fondos europeos e implican un total de 22 concellos; sendo todos eles proxectos altamente comprometidos co territorio, coa conservación co medio natural e que tamén teñen o medio natural como motor de desenvolvemento.

Xosé Regueira: "Defendemos un retorno económico para a comunidade local"

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, encabeza a delegación do ente provincial a Fitur. Estará acompañado de representantes políticos dos concellos de Bergantiños e do Eume, así como de axentes sociais, económicos e deportivos. A decisión de difundir os Plans de sustentabilidade turística en destino enmárcase, explica Regueira, "nunha aposta baseada no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio".

Acrecenta, ademais, a necesidade de priorizar a calidade sobre a cantidade, "apostando claramente por iniciativas que inclúan parámetros de sustentabilidade, que valoricen a autenticidade do noso territorio e das e dos profesionais que traballan nel e, sobre todo, na defensa dun retorno económico para a comunidade local".