Xosé Regueira: "Para a economía galega será fundamental recuperar o turismo urbano"

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de turismo considera a seguridade como un elemento esencial á hora de captar turistas nun escenario post COVID-19.
Xosé Regueira (Deputación da Coruña)
photo_camera Xosé Regueira (Deputación da Coruña)

—Onte celebrouse a primeira xornada do foro con diversos entes de xestión. Cales foron as primeiras conclusións?
Un pouco as agardadas. A necesidade de colaboración entre xeodestinos, pero tamén de cooperación entre a parte pública e privada do sector turístico. Se non hai axuda público-privada nun negocio como o turismo é difícil poder avanzar. 

—Chegaron a propoñerse medidas concretas?
O que se levou a cabo por parte dos diferentes entes de xestión foi analizar a situación de partida e contar cales son os primeiros pasos que se están a dar. Non se analizaron polo miúdo medidas concretas, pero todas as persoas coincidían na necesidade de contar cunhas pautas hixiénico-sanitarias ben definidas para así gañar a confianza do mercado e que a xente nos elixa para pasar as súas vacacións. 

—Ademais de seguridade no eido sanitario, que máis lles pode ofrecer o destino Galiza ás turistas 'pos-COVID'?
Galiza ten moitas potencialidades. É un territorio pouco masificado con grandes espazos, tanto de praia como de interior, que poden transmitir unha percepción de ser máis seguros, o mesmo que acontece coa rede de turismo rural. Todo iso reforzado con esa pauta hixiénico-sanitaria críbel implantada.

—A seguridade parece que é o novo reclamo para o sector.
O destino seguro sempre foi un factor diferencial para as familias á hora de escoller, pero estabamos afeitos a valorar esa seguridade en termos de delincuencia, terrorismo, de guerra... Agora estamos cun factor totalmente diferente, cun inimigo que non se ve e que pode estar en calquera lugar, que só se pode parar cunha boa hixiene. Obviamente, a seguridade vai ser un factor clave á hora de gañar a confianza do mercado. 


—Como será ese novo mercado? Podémonos ir esquecendo do turismo internacional?
Neste 2020 case exclusivamente  imos ter un turismo familiar, de proximidade e tamén de interior. É moi difícil que veña xente de turismo internacional. Hai varios perfís de turismo que si creo que poden acercarse a nós con certa normalidade este verán. Un deles é o turismo de segunda residencia, no que a xente aproveitará para evadirse  da realidade do confinamento destas semanas. Outro sería ese turista que xa visitou Galiza máis veces e que se sente a gusto no noso país, e tamén estaría o turismo de ocio e aventuras, cun aproveitamento intensivo dos espazos abertos, de deportes como o surf, o sendeirismo ou incluso cicloturismo, que sabe que non vai ter grandes aglomeracións. Ese é o target que debemos traballar. 

—Se priman os espazos naturais e abertos, podemos dicir que o turismo urbano vai ser entón o máis prexudicado polos efectos do coronavirus no sector?
Ese vai ser o gran reto. Na primeira xornada do foro toda a xente vía o turismo rural como a gran táboa de salvación. O turismo de natureza vai ser importante, pero para a economía vai ser fundamental recuperar canto antes o turismo urbano, porque é onde está a taxa de emprego máis alta e o maior volume de negocio do sector. Sabemos que no curto prazo vai ser complicado, pero as nosas cidades teñen potencialidades que outras non teñen, como o feito de ser pequenas, amábeis e sen grandes aglomeracións de xente, salvo en casos moi  puntuais.

—E que poden facer as cidades para volver captar turistas?
Temos que analizar ben os fluxos turísticos e o comportamento das turistas nos ámbitos urbanos para que non se concentren todas nun núcleo, por exemplo na praza do Obradoiro en Compostela. É algo ao que non estabamos acostumados porque aínda non padecíamos, salvo casos moi puntuais, unha densidade alta de turistificación no conxunto do territorio. Pero agora teremos que estudalos para que sexa razoabelmente seguro moverse polos ámbitos urbanos. Aí está o gran reto. 

—Axuda que o turismo non estivese tan masificado de cara á nova situación?
As tres grandes cidades (A Coruña, Compostela e Ferrol) estaban tendo moi bos resultados en pernoctacións. A Coruña era a que máis tiña, subindo 12%. Ferrol tamén, cun crecemento de 13%. E logo está Compostela, un tótem turístico a nivel internacional que, aínda que en pernoctacións está máis baixa que estas, xera un importante volume de negocio na hostalaría. Estas cidades tamén fan de tractor do turismo rural, de aí que sexa estratéxico e fundamental para recuperar o turismo 

Comentarios