A Deputación da Coruña galardoa mulleres do rural polo seu traballo a prol do desenvolvemento

Foto de familia do acto de homenaxe.

A institución provincial e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais premiaron no encontro a Silvina Muñoz Coria, Teresa Carril Otero, Manuela Vilaboy Romero e a agrupación Leilía polo seu labor a favor da artesanía, o compromiso co sector primario, a igualdade e o medio rural, así como a aportación ao mundo da cultura, a lingua e as artes

A Deputación da Coruña homenaxeou e puxo en valor o traballo e o papel das mulleres no rural galego a través do encontro 'O rural ten futuro', celebrado esta mañá no Cine Alovi do concello das Pontes. O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou no acto "o decisivo labor das mulleres das zonas rurais para o progreso social e económico das nosas aldeas e vilas, son elas as que foron e seguen a ser o combustíbel que fai que funcione o territorio".

Á xornada asistiron, ademáis de González Formoso, a presidenta de FADEMUR Galiza, Verónica Marcos Arrojo, o secretario xeral de Unións Agrarias -UPA-, Roberto García González, e a concelleira de Igualdade do Concello das Pontes, Tania Pardo.

Na xornada fíxose entrega de catro galardóns en recoñecemento ao traballo levado a cabo por mulleres do rural da provincia. Silvina Muñoz Coria, Teresa Carril Otero, Manuela Vilaboy Romero e a agrupación Leilía foron as premiadas pola súa labor de posta en valor da nosa artesanía; compromiso co sector primario e o territorio; compromiso coa igualdade e o medio rural; e aportación ao mundo da cultura, a lingua e as artes, respectivamente.

O acto celebrado no Cine Alovi contou tamén cunha mesa redonda contra o desmantelamento dos servizos no rural coas intervencións da vicepresidenta das ANPAS-Galiza, Isabel Calvete Carrera, a representante da Asociación "Pediatras e matronas Xa", Vanessa Viquendi Fernández, e o responsábel da área de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias -UPA-, Jacobo Feijoo Lamas. O coloquio estivo moderado por Cristina Fernández Durán, enxeñeira agrónoma.

Ademais, no evento proxectouse un vídeo no que se recolle o traballo das mulleres rurais e de FADEMUR, resaltando o exemplo que deron á cidadanía nestes meses de pandemia, nas que "non pararon, saíron cada día a traballar para facilitar á poboación os alimentos necesarios, cotinuando coas súas explotacións nuns momentos nos que era moi complicado facelo", indicou González Formoso. Un labor que combinaron, como o levan facendo sempre, cos coidados das persoas maiores e dependentes.

Mulleres galardoadas

Silvina Muñoz Coria (Recoñecemento a posta en valor da nosa artesanía)

Encamiñou os seus estudos cara a cociña, estudando Técnico Superior en Gastronomía. Con 21 anos foi seleccionada para traballar nunha das empresas máis importantes de Andorra relacionada coa gastronomía; desde ese momento non parou de viaxar e traballar en varios países de Latinoamérica e Europa. Logo dunha viaxe de 3 meses a Arxentina, decidiu apostar polo que mellor sabe facer, que é a repostería. Así naceu Algareira, hai 7 anos, aínda que nos seus comezos chamouse Silvina Muñoz - Artesanías en Sobremesas. Nos últimos 3 anos, especializouse en intolerancias, en dietas especiais como a cetoxénica -tan recomendada para paciente oncolóxicos como con enfermidades raras e motrices-, optado así po facer unha repostería sa, personalizada, diferenciada e adaptada a cada diagnóstico.

 

Teresa Carril Otero (Recoñecemento ao compromiso co sector primario e o territorio)

Titular conxuntamente co seu marido dunha explotación de vacún de leite no lugar de Anllons no concello de Ponteceso, unha zona onde as explotacións gandeiras teñen cada vez menos peso, e onde a gandeiría e as actividades vinculadas ao sector primario están desaparecendo da comarca. A súa afección ás innovacións e ás mellora tecnolóxica, son un aspecto moi positivo que trata de incorporar o seu día a día no traballo.

 

Leilía (Recoñecemento a súa achega ao mundo da cultura, a lingua e as artes)

Son seis mulleres as que conforman o grupo dende hai 32 anos, bebendo das fontes e sa inspiración que outras mulleres lles transmitiron. As mulleres das aldeas foron as que co seu inxenio e creatividade, compuxeron, conservaron e transmitiron todo un legado cultural, o das coplas e toques, que definen a rica tradición oral galega, o tesouro que Leilía rescata das súas memorias e leva aos escenarios, para darlle proxección de futuro a un xeito de divertimento, que se estaba perdendo e que estaba a esmorecer. As Leilía teñen a inmensa sorte de ter aprendido de primeira man destas mulleres, das mulleres das nosas vilas e aldeas, e tamén de terlle dado o valor a eses tesouros da nosa cultura e tradición, axudando así a que sigan formando parte da troula e a diversión do día a día deste país.

 

Manuela Vilaboy Romero (Recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o medio rural)

Esta muller leva moitos anos traballando no medio rural, e dende sempre tivo moi presente que ás mulleres do rural, precisaban de unha atención especial, moi específica, e sobre todo de procurarlles espazos para a súa participación e visibilización. Consultado a hemeroteca podemos apreciar como en Xermade, xa nos anos 2006 e adiante tiñan lugar encontros conmemorativos como este do día internacional das mulleres rurais, ou que tamén fosen pioneira na organización de eventos arredor do día 8 de marzo ou do día 25 de novembro para concienciar, sensibilizar e denunciar a violencia contra as mulleres. Tamén aquí, en As Pontes, a súa vila natal colabora con grupos de traballo que promoven publicación tan importantes como "Historia das nosas mulleres" ou a Revista de Estudos Históricos Locais.