“O espectáculo xunta temas emblemáticos do grupo con outros menos coñecidos”, explica nun comunicado, “sempre cunha coidadísima posta en escena”. Que, desta volta, corre a cargo do dramaturgo Quico Cadaval. “Experiencia musical inesquecíbel”, é o que promete Leilía, con cinco discos no currículo e un amplo e profundo traballo de rescate do folclore.
O seu primeiro disco, homónimo e datado en 1994, “abriu un camiño propio”, a forza de pezas tradicionais. Co tempo, incorporaron instrumentos e “polifonías non tradicionais” en discos como I é verdade i é mentira (1998) e Madama (2003). Neste último empregaron letras con temática actual. Son de Leilía (2005) foi un percorrido retrospectivo aos 15 anos e en CONsentimento (2012) xuntan letras de escritoras con melodías tradicionais.
Integrada por seis mulleres -Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa, Rosario: así se nomean na súa páxina web-, Leilía “forma parte do maxín colectivo galego”. Este CantarELAS xa pechou sete concertos máis alén do das Neves: Portas (17 de maio), Lugo (18 de maio), A Coruña (7 de xuño), Muros (29 de xuño), Ortigueira (14 de xullo), Verín (10 de agosto) e Bergondo (24 de agosto).