FITUR

A Deputación da Coruña avala os proxectos locais e comarcais en Fitur

Reunión hoxe da Deputación da Coruña con membros do Goberno cántabro. De fronte, Eva Guillermina e Xosé Regueira. (Foto: Deputación da Coruña)
Un día despois da lanzar a súa estratexia de sustentabilidade turística en Fitur, a representación da Deputación da Coruña no evento apoiou iniciativas das mancomunidades Barbanza Arousa ou de Ordes, facendo fincapé na diversidade da oferta turística na provincia.

Na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur), un evento que decorre en Madrid, a capital do Estado español, con representación de 152 Estados e no que se agarda que pasen arredor de 250.000 persoas até o domingo, o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, reuniuse hoxe coa conselleira de Turismo cántabra, Eva Guillermina, e co director xeral de Turismo do territorio, Gustavo Cubero, que se achegaron á entidade provincial para coñecer de primeira man o traballo detrás do Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal.

Nese sentido, Cantabria busca desenvolver un xeoparque na costa Quebrada, unha iniciativa para a que a principal recomendación do vicepresidente foi impulsar “o traballo conxunto dos sete concellos cun mesmo obxectivo, o empoderamento da veciñanza e a súa implicación, e a colaboración público-privada”, baseándose na experiencia de cabo Ortegal, que recibiu o recoñecemento da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) en maio de 2023.

Precisamente o tocante ao Xeoparque de Cabo Ortegal foi abordado hoxe por Cristina García, responsábel de Plans Provinciais da Deputación, que insistiu en que o proxecto vai moito máis alá do turismo, aspirando a desencadear o “desenvolvemento total do territorio”.

Ao respecto, detallou o funcionamento do centro de transformación agraria A Fusquenlla, no que calquera pequena ou pequeno produtor se pode achegar coas súas materias primas para manufacturalas e destinalas á venda ou ao consumo propio.

Tamén salientou a participación do Xeoparque na Olimpíada de Xeoloxía, na que colabora coa Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra (Aepect). O 7 de febreiro até 11 institutos participarán na fase galega en Cariño.

En paralelo, Regueira formou parte da presentación da Mancomunidade Barbanza Arousa, 'Viaxe a través dos sabores', un acto no que se emitiu un fragmento do documental Voces da Conserva, en cuxo financiamento participou a Deputación, estreado a pasada semana e que se exporá en toda a rede de museos da área.

Empoderamento da muller

O vicepresidente destacou as múltiples facetas dun programa que, defendeu, encádrase perfectamente na estratexia de sustentabilidade turística da Deputación pola súa “autenticidade”, e recalcou que trata do “empoderamento da muller e sobre todo do papel da muller na historia”. A inmensa maioría das persoas que traballaron e traballan na conserva son mulleres.

Asemade, aproveitou o evento para anunciar que Victoriano Castro cedeu á Deputación gratuitamente unha obra súa sobre a historia da conserva –“que fala moito do Barbanza"– e que a entidade se encargará de publicar.

Ademais, subliñou que o turismo sostíbel que fomenta o ente “pasa pola alianza cos diferentes territorios, para acompañalos nos seus plans” e “abrazar a singularidade” dunha provincia “diversa” e con múltiples opcións nunha "distancia moi curta".

A Deputación anuncia un sendeiro ao longo do río Lengüelle

A última parada do día no traballo da representación da Deputación foi no acto organizado pola Mancomunidade para difundir o xeodestino Terras de Ordes, ‘Os lugares do paraíso’, no que se proxectou un audiovisual percorrendo ríos, fervenzas, dolmens, muíños e gastronomía.

Regueira admitiu que a pesar de ser “o xeodestino máis novo da provincia” está “a facer deberes moi importantes”, e fixo público que canda o resto de Administracións públicas a Deputación está a ultimar un sendeiro -que tamén será accesíbel en bicicleta- no río Lengüelle.

Sen saír da comarca, citou tamén a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a máis longa da Galiza, na que están a punto de comezar os traballos para estenderse até os 36 km.