Denuncian plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral, pertencente á Rede Natura 2000

Plantación de eucaliptos na Serra do Xistral (Foto: Adega).
“Nesta visita puidemos constatar in situ a amplitude desproporcionada das recentes plantacións ilegais de eucaliptos nunha zona que aglutina grandes valores ambientais e paisaxísticos e que estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000", indican desde Adega.

Membros da Comisión de Montes da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) realizaron recentemente unha saída ao campo polos arredores da Serra do Xistral, motivados pola detección de múltiples infraccións relacionadas con plantacións ilegais de eucaliptos.

Nunha soa xornada, na cal percorreron varias parroquias dos concellos de Abadín e Vilalba, próximas á Zona de Especial Conservación “Serra do Xistral” (ZEC ES1120015), foron detectadas 17 parcelas con plantacións ilegais de eucaliptos, 12 delas en zona de ampliación da Rede Natura 2000 (versión do ano 2008), e 2 en terreos pertencentes a montes veciñais en man común (MVMC), que en total supoñen 200 hectáreas.

“Nesta visita puidemos constatar in situ a amplitude desproporcionada das recentes plantacións ilegais de eucaliptos nunha zona que aglutina grandes valores ambientais e paisaxísticos e que estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta da Galiza, previa advertencia da Unión Europea, elaborou en 2008 e reelaborou en 2011, sen que ningunha destas dúas propostas chegase finalmente a oficializarse”, advirten desde Adega.

Se ben a asociación ambientalista xa vén denunciando desde hai anos que estes lugares de ampliación da Rede Natura 2000 deberían estar xa protexidos, están sendo obxecto dunha “destrución acelerada tanto por proxectos eólicos (aeroxeradores, pistas sobredimensionadas, subestacións, plataformas, gabias e tendidos eléctricos) como por plantacións masivas de eucaliptos”.

“Asistimos, unha vez máis, a un flagrante incumprimento reiterado da lexislación vixente, con novas plantacións de eucaliptos, que ademais están a afectar a hábitats de interese comunitaria, algúns deles prioritarios segundo a Directiva 92/43/CEE (como por exemplo o hábitat 4020* - Uceiras húmidas atlánticas de zonas tépedas de Erica ciliaris e Erica tetralix), e as especies de flora e fauna asociadas, nalgúns casos especies catalogadas como vulnerábeis”, acrecentan, ao tempo que insisten en que “todo isto se produce en plena moratoria aos cultivos deste xénero de árbores australianas na Galiza que, recordamos, son consideradas invasoras polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español”.

Reserva da biosfera

Por outra parte, os concellos de Abadín e Vilalba forman parte da Reserva de Biosfera “Terras do Miño”, estando 12 das parcelas en zona tampón, que é a zonificación estabelecida para a protección ou amortecemento das zonas núcleo que se corresponden en Galiza coas ZECs.

“A figura das Reservas da Biosfera mostra pouca ou ningunha utilidade xa que non serve para a conservación efectiva dos seus valores medioambientais e naturais. Unha vez máis, repítense agresións ao medio ambiente dentro desta Reserva da Biosfera, como xa se ten informado en varias ocasións”, alertan.

“Ante o anterior, solicitamos que o Goberno da Xunta da Galiza faga cumprir coa lexislación vixente, actuando de oficio para facer cumprir a moratoria á plantación de eucaliptos nas parcelas onde non estaban presentes antes do 21 de xullo do 2021, impondo sancións, obrigando á restauración das parcelas afectadas e empregando os recursos humanos e medios económicos necesarios para por freo a estes delitos, en lugar de facer a ‘vista gorda’ ou mirar para outro lado. Adega puido comprobar in situ como os axentes da Xunta, que supostamente vixían que se cumpra a lexislación ambiental e forestal na zona, non denunciaron de oficio ningunha destas plantacións ilegais.