Denuncian verteduras contaminantes continuadas en Vigo que acaban na Ría

Verteduras contaminantes en Bouzas, Vigo (Foto: Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes).
Segundo informou a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes estanse a producir verteduras contaminantes en diferentes puntos da cidade de Vigo.

A Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes denunciou esta terza feira, a través dun comunicado, "continuas verteduras contaminadas" en diversos puntos da cidade olívica.

Segundo informou esta organización viguesa conformada por numerosos colectivos de diversa índole, as zonas nas cales se producen estas verteduras contaminantes son a perpendicular á rúa Colón, a perpendicular á rúa Coruña, así como tamén en Bouzas e Alcabre.

Denuncias

"A este respecto xa presentamos as correspondentes denuncias no Concello de Vigo, no órgano de Control de Verteduras da Xunta da Galiza e na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo", aseguraron desde a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes.

Así mesmo, a asociación viguesa criticou que se seguen producindo "verteduras de augas residuais na Ría de Vigo desde os colectores do saneamento municipal sen o tratamento de depuración, que está obrigado a realizar o Concello de Vigo".

"O Goberno local da cidade olívica incumpre a Directiva Marco da Auga e a resolución do expediente da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre a contaminación da Ría de Vigo de forma continua e reiterada", cuestionaron.

Urxencia

Por iso, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes pide que se adopten as medidas, actuacións e obras necesarias "con urxencia" para que todas as augas contaminadas sexan conducidas dunha forma "eficiente" á estación depuradora de augas residuais (EDAR) para o seu tratamento e depuración.