'Qatargate'

Un implicado na trama de corrupción do Parlamento da UE recoñece os feitos: este sería o líder da trama

A parella da ex vicepresidenta do lexislativo repartía os subornos.
Francesco Giorgi e Eva Kaili. (Foto: Il Corriere della Sera)
photo_camera Francesco Giorgi e Eva Kaili. (Foto: Il Corriere della Sera)

O ex deputado da Unión Europea (UE) Pier Antonio Panzeri é o líder da trama de corrupción dos socialdemócratas no Parlamento comunitario, na que está implicada a ex vicepresidenta do órgano, Eva Kaili. Así o confesou a parella de Kaili, Francesco Giorgi, durante os seus testemuños decorridos perante a Policía e o xuíz de instrución, de maneira que asumiu a súa culpabilidade, revelou esta quinta feira Le Soir.

Giorgi xestionaba os pagos do grupo e era asistente parlamentario do lexislador Andrea Cozzolino, a quen tamén implicou na rede de corrupción. Cozzolino é o xefe da delegación do Parlamento da UE para as relacións co Magreb, rexión na que se atopa Marrocos, que con Qatar son os países que estarían detrás dos subornos aos acusados para influír politicamente nas decisións do lexislativo e mellorar a súa imaxe internacional.

O outro sinalado nas súas declaracións é o eurodeputado Marc Tarabella. O xornal belga defende que Panzeri, Cozzolino e Giorgi tiveron contacto coa Intelixencia marroquí e co embaixador do país africano en Polonia e Bélxica.

Durante os rexistros, especialmente na contorna de Kaili e de Panzeri, foron atopados 1,5 millóns de euros en efectivo. Até o de agora hai catro detidos aos que xa lle foi prorrogado o seu arresto provisional, Kaili, Giorgi, Panzeri e unha cuarta persoa cuxa identidade non transcendeu. Á vez, a parella e a filla de Panzeri están detidas en Italia e pendentes da súa entrega a Bélxica.

Mentres, Kaili negou a súa participación e deixou entrever que era un asunto de Giorgi, ratificando que os seus contactos con Qatar foron a petición do Alto representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, e doutros cargos. Porén, un dos interceptados con milleiros de euros foi o pai da ex vicepresidenta.

Comentarios