Denuncian o "secuestro sistemático dos dereitos das traballadoras e as usuarias" de residencias por parte da Xunta

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Trega e Vellez Digna exixen tests da Covid diarios nos centros con positivos e lamentan o "escurantismo" do Goberno galego en relación aos datos de contaxios e falecementos nas residencias de maiores, así como a non cobertura das baixas laborais.

Os colectivos Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega) e Vellez Digna veñen de denunciar publicamente, a través dun comunicado, o "escurantismo" das administracións públicas a respecto do impacto que a sexta vaga do coronavirus está a ter nas residencias de maiores.

"Actualmente estanse a producir gromos explosivos en moitos centros da Galiza, tanto no persoal traballador como entre as e os residentes", salientan, ao tempo que lembran que o ente competente en materia de dependencia, a Consellaría de Política Social, "non está a informar dos casos activos en cada centro, e moito menos dos falecementos".

Desde o inicio da vacinación masiva, afirman, a Xunta deixou de fornecer datos específicos deste sector. Aliás, denuncian que a Consellaría de Sanidade "deu orde de non realizar PCR ao persoal que se incorpora ao traballo após as vacacións", algo que, din, "facilita a transmisión da enfermidade entre os usuarios".

"Isto, sumado á relaxación doutras medidas de contención, ten como consecuencia máis visíbel o alto número de persoas maiores hospitalizadas procedentes de residencias e o pasamento de moitas delas, así como o confinamento nas súas habitacións, co deterioro físico e cognitivo que iso supón", engaden ambos os colectivos asinantes do escrito.

Trega e Vellez Digna fan alusión tamén ás baixas de persoal, que están a mermar "aínda máis" os "exiguos efectivos" dos centros. "As traballadoras están esgotadas, as baixas non se cobren, en cada quenda faltan cada vez máis profesionais e os que hai non chegan para atender os maiores cun mínimo de calidade, e moitas residencias non informan axeitadamente ao persoal sobre quen son os contactos estreitos", cuestionan.

Para estas plataformas, nos últimos dous anos de pandemia "non mudou nada, agás o secuestro sistemático dos dereitos de familiares, traballadoras e usuarias da man das residencias e da Xunta, máis preocupadas de manter lonxe dos seus ás familias que de impedir a entrada do virus nos centros".

En consecuencia, consideran "fundamental" fixar unha serie de medidas de prevención nas residencias: "Queremos que se realicen tests semanales en todos os centros, públicos e privados, tanto ao persoal como ás e os usuarios. Debe realizarse tamén unha proba —quer PCR, quer antíxenos— ás persoas traballadoras que regresan das vacacións ou dunha baixa médica, así como aos de nova incorporación e aos usuarios que volven das vacacións. E tests diarios nos centros con positivos até que non quede un só", salientan.