As residencias de maiores terán un tope de 150 persoas usuarias

As residencias de maiores que se constrúan na Galiza deberán estar deseñadas para un máximo de 150 persoas usuarias e dividirse en unidades de convivencia de até 25 persoas. Así o expuxo a conselleira de Política Social, Fabiola García. O novo modelo residencial da Xunta aposta polos xeriátricos privados.
 
Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As residencias de maiores que se constrúan na Galiza deberán estar deseñadas para un máximo de 150 persoas usuarias e dividirse en módulos ou "unidades de convivencia" de até 25 persoas, que serán seleccionadas "polas súas preferencias antes que polos seus graos de dependencia". Esta é unha das novidades do novo modelo de xeriátricos que deseñou a Xunta e que presentou no Parlamento galego esta terza feira, 21 de decembro, a conselleira de Política Social, Fabiola García. 

As unidades estarán decoradas como o estaban os domicilios das e dos usuarios e reducirase a rotación de persoal entre eles para salvagardar a intimidade das e dos residentes e promover a confianza. De acordo con esta nova folla de ruta, os centros contarán con "melloras en coordinación" co Sergas, con avances como "vías rápidas para acceder ás urxencias e hospitais de día".

Segundo afirmou a conselleira, o novo modelo estabelecerá "habitacións intelixentes" e un "consello asesor" en centros de máis de 100 prazas, constituído por residentes, familias e pola empresa xestora do centro.

A conselleira presentou o seu modelo xusto un día despois de que a líder do BNG, Ana Pontón, expuxese a lei que a formación nacionalista quere impulsar, con residencias de 100 usuarias como máximo, con módulos de 25 persoas, 90% das habitacións individuais e con plans individualizados por usuario para que se ofreza unha atención personaliza. A diferenza do modelo da Xunta, Pontón defende na súa proposta de lei unha folla de ruta para que as residencias da Xunta cuxa xestión estea en mans de empresas retorne ao público. O BNG tamén quere estabelecer a ampliación de persoal nas residencias para reducir a ratio usuarias-coidadoras

No debate parlamentario, a deputada do PSdeG María Ortega, cualificou de “inaceptábel que o Goberno galego fale dun novo modelo de residencias e que á vez fale de construír novas macro residencias de máis dun cento de prazas”, cando o modelo futuro debe camiñar, dixo, por reducir o número de prazas por residencia, con centros máis familiares e próximos aos lugares de residencia das e dos usuarios.
Ortega reivindicou reforzar o persoal de inspección, escoitar as e os usuarios e aumentar o persoal de avaliación da dependencia para axilizar os tempos de tramitación.

O negocio das residencias

A Galiza conta cunha media de tres prazas residenciais por cada 100 maiores de 65 anos, polo que fica moi lonxe da ratio de cinco prazas que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Aliás, oito de cada dez prazas (sumando as prazas de residencias públicas xestionadas pola Xunta, as de residencias da Xunta xestionadas por empresas e as prazas de residencias privadas) son xestionadas por grandes grupos de investimento, como DomusVi ou por fundacións relixiosas.

En concreto, e segundo datos da propia Administración galega, a Xunta conta con 31 residencias de maiores, das que 19 son de xestión propia e 12 externalizada a empresas privadas. A Xunta pagou 18 millóns de euros no último ano para que empresas privadas xestionasen esas 12 residencias públicas en vez de xestionalas a propia Xunta.

Aliás, o Goberno galego paga 74 millóns de euros anuais a empresas privadas por concertar prazas nos seus centros de maiores, ante a falla de camas na rede pública. 

Comentarios