Investigan seis funcionarios de Teixeiro por torturas

Centro Penitenciario de Teixeiro [Imaxe GzContraInfo]

A Fiscalía, pola súa banda, acusa tres deles por un delito de "lesións". Catro dos funcionarios foron sancionados previamente após a investigación interna realizada por Institucións Penitenciarias. 

Esculca vén de presentar un escrito de acusación contra seis funcionarios da prisión de Teixeiro por "tortura grave" contra o recluso A.P.R. Os feitos foron denunciados o 17 de decembro de 2012 e o caso foi recollido polo Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades no relatorio encamiñado ao Comité europeo de prevención da tortura

O preso foi operado de urxencia. Ao chegar ao hospital presentaba dúas costelas rotas, hemorraxias internas e o bazo roto

Aliás, desenvolveuse unha investigación por parte de Institucións Penitenciarias pola que 4 dos funcionarios de prisións foron sancionados. Após catro anos de instrución, o caso entra nunha nova fase coa presentación dos escritos de acusación por parte da defensa e da Fiscalía. O Ministerio Público reduce a acusación a un delito de "lesións" que atribúe unicamente a tres funcionarios. No entanto, acusa o preso "dun delito de atentado" por unha fractura no dedo dun funcionario, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza

Pola súa banda, a defensa do recluso pide 6 anos de prisión e inhabilitación absoluta por 12 anos polo delito de torturas, mais 6 anos de prisión polo delito de lesións para tres dos acusados e 4 anos e 1 día de prisión e inabilitación absoluta por 10 anos e 1 día por un delito de tortura e 12 días de localización permanente pola falta de lesións ou, alternativamente, 6 anos de inhabilitación especial para o emprego de funcionario de prisións polo delito de rigor desnecesario e 12 días de localización permanente por unha falta de lesións para os outros tres. 

"Estivo a punto de morrer", di o seu avogado

Segundo o escrito de acusación presentado desde Esculca, os feitos fican "probados" co "agravante de abuso de autoridade" recollido no rt. 22.2º do Código Penal e por ter actuado "en grupo" aproveitándose da circunstancia do lugar que facilita a impunidade (art. 22.1º do CP). E é que o recluso tivo que ser intervido cirurxicamente após ser trasladado ao hospital.

De acordo co parte médico, tiña dúas costelas rotas --os arcos costais núm. 11 e o núm. 12 posteriores esquerdos-- e o bazo roto, polo que lle foi extirpado, para alén de hemorraxias internas. "Estivo a punto de morrer", explica o seu avogado en conversa con Sermos Galiza. Actualmente o recluso atópase interno na prisión da Lama, á que foi trasladada a un módulo de isolamento días despois de ter sido dado de alta do hospital. 

Os feitos

De acordo co relato dos feitos recollidos no escrito de acusación presentado pola defensa, A.P.R. atopábase no comedor do centro penitenciario xunto co seu irmán, tamén interno en Teixeiro, con quen conversaba. A el maniféstalle "a súa irritación polo roubo dun mazo de tabaco que gardaba na cela. Ao ouviren as voces iradas de A.P.R., tres funcionarios acoden ao comedor e conducen os dous irmáns á chamada zona de seguranza, situada entre os módulos 11 e 12 e controlada por cámara", sinala a defensa do recluso. 

"Desde alí, e xa con luvas de coiro nas mans, os tres funcionarios trasladan o irmán do denunciante (Al.P.R.) ao gabinete dos educadores, un local oculto ao ollar de terceiros, e unha vez dentro propínanlle bofetadas e pancadas en cara e cabeza que lle provocan unha hemorraxia no ouvido". Posteriormente, van na procura de A.P.R., "así que este entra no gabinete, un dos funcionarios -aliñado en semicírculo cos compañeiros- pregúntalle onde está a droga. Cando o denunciante mostra o seu estupor por o incidente non ter relación algunha con drogas, o funcionario propínalle unha bofetada e unha puñada na cara que lle parte un dente e lle produz unha hemorraxia". 

Á médica de garda, após examinalo, emite un parte no que di non apreciar lesións

"Ao responder A.P.R. á agresión, tres funcionarios lánzanse sobre el e propínanlle innumerábeis pancadas, sobretodo pontapés, encanto proferen insultos. Despois colócanlle as alxemas e estícanlle os brazos con forza sen deixaren de o espancar e insultar. Empurrado a pontapés e obrigado a lavar o sangue das feridas, é finalmente presentado á médica de garda, que procede a examinalo e emite un parte en que manifesta non apreciar lesións", prosegue o relato. 

"A seguir A.P.R. é trasladado ao módulo de ingresos. Alí tres funcionarios, con coñecemento do xefe de servizos, introdúcenno nunha dependencia onde non pode ser visto por terceiros e, provistos de luvas de couro, espancan e deitan no chan o denunciante inmobilizándoo de bruzos e agarrándoo por brazos e pernas encanto un deles se senta sobre os seus muslos e comeza a darlle puñadas na zona lumbar durante varios minutos. Tal é o asañamento con que malla que fractura o 5º dedo da súa propia man dereita". Neste senso, a acusación sostén que a fractura atribuída pola Fiscalía a causa do preso tería sido ocasionada polos golpes propinados polo funcionario. 

Isolamento e ingreso hospitalario

"Posteriormente ingresan A.P.R. nunha cela en isolamento provisorio". A partir dese momento o estado de saúde do recluso empeora e comunica aos funcionarios o seu malestar. A actitude violenta por parte do persoal funcionario manteríase, presuntamente.  

"Na madrugada do 8 de xuño, A.P.R. esperta co abdome inchado e moi mareado, levántase para ir ao cuarto de baño e cae desmaiado. Despois de recuperarse, toca a campaíña e comunica aos funcionarios que desmaiara e que se sente mal. A isto os funcionarios responden que deixe de incomodar. Pouco despois, A.P.R. volta perder o coñecemento e cando acorda constata que ten a temperatura corporal moi baixa, chama novamente polo teléfono interno e os funcionarios contestan que se vai arrepentir como continúe a incomodar", recolle o escrito de acusación. 

Perante o agravamento do seu estado e após ter sido trasladado á enfermaría, deciden envialo ao hospital onde proceden a operalo de urxencia.