OS MAOS TRATOS TERíANSE PRODUCIDO SOBRE AS PERSOAS ISOLADAS

Esculca denuncia novas agresións no módulo 15 de Teixeiro

O módulo de isolamento da prisión foi obxecto de novas queixas polos maos tratos aos presos. O BNG levará a cuestión ao Parlamento. 

 

A cadea de Teixeiro (Curtis) é, xunto coa da Lama (Pontevedra) das consideradas como máis duras do sistema penitenciario do Estado español. As denuncias por "maos tratos" aos internos acumúlanse sen que cheguen a concluír as investigacións, nen sequera cando se centran na morte de reclusos

Desta volta, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, Esculca, presentou unha queixa formal perante a Defensora del Pueblo na que instan a abertura dun expediente e un proceso de investigación arredor da situación que atinxe o módulo 15 no que, segundo os testemuños recollidos polo propio Observatorio, se están a "producir vulneracións constantes dos dereitos fundamentais", entre elas, feitos constatados polo propio colectivo como "a falta de seguimento da saúde física e mental dos penados alí recluídos e a práctica de agresións de funcionarios a internos". 

No concreto, Esculca céntrase no relato de dous presos, J.A.S.B. e S.S.M.que denuncian represalias por parte do funcionariado penitenciario após un protesto colectivo decorrido o 4 de novembro motivado polas "duras condicións" que viven nesta cadea.

Denuncian agresións e mesmo levar "máis dun ano sen ser examinado por un especialista" embora ter unha patoloxía psiquiátrica diagnosticada

J.A.S.B. denunciou ter sido agredido polo xefe de servizos e 5 funcionarios o 6 de novembro. Segundo explica o Observatorio, de acordo co relato do preso o persoal bateu nel con "defensas de goma" mentres se atopaba alxemado. Aconteceu no módulo de ingresos onde "fora trasladado após unha visita ao dentista". 

Doutra banda, S.S.M. asegura que leva "máis dun ano sen ser examinado por un especialista" embora estar diagnosticado dunha patoloxía psiquiátrica. Asemade, aínda que tería tentado autolesionarse en diversas ocasións, continúa sen lle ser aplicado o programa de prevención de suicidios, explican desde Esculca. Así mesmo, malia levar 1 ano interno no módulo 15, durante este período de tempo "a traballadora social só se entrevistou con el en 3 ocasións, a psicóloga do centro en 5 e o educador en 7". 

Os presos protestaron pola falta de actividades do módulo e polas "humillacións" ás que son sometidos como interrupcións do sono durante a noite por parte do funcionariado

Na actualidade, ambos os dous reclusos foron trasladados á galería denominada Alta Corta, un espazo dirixido a presos aos que lles aplican como medio coercitivo o isolamento preventivo após algún incidente. Porén, aseguran desde Esculca, "a ningún deles foi entregada notificación algunha nin lles foron devoltas as súas pertenzas". 

A protesta do 4 de novembro

Neste caso, o "incidente" polo que terían sido afastados sitúase nun protesto colectivo decorrido o 4 de novembro. Nesa data os presos procederon á queima de colchóns, sinala o Observatorio para os dereitos e liberdades, coa que os reclusos do módulo 15 quixeron denunciar a "ausencia de actividades programadas" polo cal as persoas internas chegan a pasar mesmo "21 horas ao día na cela". Unha realidade que vulnera, apuntan desde Esculca, "o principio de humanidade" que rexe o cumprimento das penas de prisión. 

Aliás, os reclusos denuncian o uso das contaxes nocturnas por parte do cadro de persoal da cadea como mecanismo de interrupción do sono, nalgunhas ocasións "até 3 veces por noite". "Humillacións", sinala o Observatorio de dereitos e liberdades ás que se suman "as escasas entrevistas coa traballadora social, a psicóloga e o educador". 

Desde Esculca lembran que estas prácticas supoñen a vulneración da normativa penitenciaria, entre outras, dos artigos 10, contra o dereito a dignidade das persoas; atigo 15, referido á vida e integridade física e o artigo 25, relativo ao carácter rehabilitador da pena. 

O BNG insta a Xunta a explicar se coñece a situación que atinxe a poboación reclusa en Teixeiro e a reclamar unha investigación por parte do Ministerio de Interior

Razón pola cal o Observatorio se dirixiu á Defensora del Pueblo para que inicie unha investigación. Asemade, trasladou aos grupos parlamentares con representación no Pazo do Horreo o acontecido o que motivou a presentación por parte do Bloque Nacionalista Galego de senllas preguntas para resposta oral en Comisión e Pleno. 

Exixen respostas do goberno

Através da deputada, Tereixa Paz, ínstase o goberno galego a dirixirse á administración estatal --de quen dependen as competencias en materia penitenciaria-- a "investigar os feitos denunciados en relación cos malos tratos ocorridos o 6 de novembro e no seu caso se depuren as responsabilidade que se deriven deses feitos". Aliás, que se abra unha investigación a respeito do "tratamento cotián" que recibe a poboación reclusa na cadea de Teixeiro, para alén de estudar a prestación dos servizos de asistencia sanitaria, social e ocupacional dos internos do módulo 15 á fin de garantir que se adecúen ao estabelecido na normativa vixente. 

Cumpre lembrar que o Estado español foi reprendido en varias ocasións por non investigar as torturas denunciadas nas prisións. Aliás, hai uns meses, unha delegación do grupo parlamentar socialista conformada polas deputadas Carmen Acuña e Patricia Vilán, foron vetadas polo Ministerio do Interior cando quixeron acceder aos penais de Teixeiro e a Lama para coñecer a situación que atinxe os reclusos. Segundo Institucións Penitenciarias ese traballo é "competencia estatal" non de parlamentares territoriais.