A prisión de Teixeiro, baixo sospeita por torturas

Centro Penitenciario de Teixeiro [Imaxe Galipedia]

Esculca insta o Comité europeo de prevención a visitar o penal galego coincidindo coa súa estadía no Estado español. Unha iniciativa que apoian as forzas da oposición e que xa solicitou o grupo parlamentar do BNG. 

Como avanzou Sermos Galiza no semanario en papel nº188 publicado o 23 de marzo, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, Esculca, solicitou o 17 de marzo de 2016 ao Comité europeo de prevención da tortura (CPT) a súa visita ao Centro Penitenciario de Teixeiro aproveitando a estadía dunha delegación do órgao comunitario prevista para o outono deste ano. 

Na primeira década do século XXI a ocupación de Teixeiro ultrapasou a súa capacidade (1.008) situándose en cifras de 1.800 persoas reclusas

Esculca sinala que este penal, aberto en 1998, foi obxecto de múltiples denuncias por parte das persoas privadas de liberdade nel e cuxos casos remitiron ao propio Comité através dun relatorio no que se recollen situacións de "tortura" e "maos tratos" das que o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, tivo constancia de maneira directa. 

Porén, non só Esculca solicitou de maneira formal o achegamento de representantes comunitarios á cárcere de Teixeiro. As forzas da oposición amosaron a súa vontade de apoiar a devandita solicitude e, neste senso, o grupo parlamentar do BNG, através do seu portavoz, Francisco Jorquera, tamén remitiu unha carta esta sexta feira (6 de maio). 

A macroprisión 

O cárcere de Teixeiro está considerado, xunto coa Lama, un dos penais máis duros do Estado español. Conta con 86.430 metros cadrados e 1.008 prazas das que 36 son isolamento, 81 de enfermaría e 86 de ingresos. "Na primeira década deste século, esta capacidade estivo notabelmente ultrapasada, con cifras de ocupación media que andaban á volta das 1.800 persoas internas", sinala Esculca no relatorio. 

En 2015 Institucións Penitenciarias denegou acceso a Teixeiro e A Lama a representantes do Parlamento galego 

Así, na documentación achegada ao Comité de Prevención da Tortura (CPT) e á que tivo acceso Sermos Galiza recóllense feitos rexistrados entre 2006 e 2015 que abranguen desde as condicións do propio centro penitenciario até as infraestruturas, atención sanitaria ou alimentación da poboación reclusa. Aliás, dá conta dos obstáculos impostos polas autoridades penitenciarias ao dereito de defensa dos presos ou mesmo a iniciativas parlamentares que tiñan por obxecto visitar o penal para exercer control sobre a actividade que alí se desenvolve. E é que en maio de 2015 Institucións Penitenciarias negou entrada a dúas deputadas do PSdeG-PSOE ás cadeas de Teixeiro e A Lama argüíndo que se "a actividade penitenciaria" depende das institucións españolas polo que se reservaría o control da mesma a representantes do Congreso e do Senado. Unha actitude que se repetiría con posterioridade cando a visita foi solicitada polos grupos parlamentares do Bloque e Mixto. 

Trato inhumano e torturas 

O relatorio 'Torturas e maos tratos no Centro Penitenciario de Teixeiro', recolle en 29 páxinas os casos concretos denunciados pola poboación reclusa atinxida por un tratamento non acaído e mesmo inhumano.

S.S.M. ten diagnosticada unha patoloxía psiquiátrica mais estivo un ano sen visitar un especialista

Entre elas, "S.S.M., denuncia a Esculca que a pesar de ter diagnosticada patoloxía psiquiátrica, leva mais dun ano sen ser examinado por especialista" após un ano na prisión "no módulo 15 [de isolamento]" subliña Esculca, "a traballadora social só se entrevistou con el en 3 ocasións, a psicóloga do centro en 5 e o educador en 7". 

Doutra banda, faise eco das denuncias da Plataforma de persoas atinxidas pola Hepatite C a respeito da situación na que se atopan as persoas presas doentes desta enfermidade ás que se lles está a negar, na maior parte dos casos, o acceso aos tratamentos nos penais de Galiza obrigándoas a se deslocaren a cadeas madrileñas. 

Obstáculos á defensa, revelacións de dados confidenciais ou mesmo casos de "humillación a familiares de persoas presas" son tamén recollidos polo Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades no seu relatorio.

Nos casos de tortura e maos tratos documentados por Esculca "aparecen reiteradamente involucrados" diversos funcionarios

Porén, son os casos de de tortura e maos tratos os que maior lugar ocupan no informe, a comezar polos anteriores ao período analizado, entre eles o rexistrado apenas un ano despois da abertura do penal, en 1999, cando S.S.E denunciou ter sido agredido polo xefe de Servizos e distintos funcionarios que, posteriormente, apunta Esculca, "aparecen reiteradamente involucrados en incidentes deste tipo". 

Ese mesmo ano, 1999, prodúcese o segundo antecedente recollido por Esculca, os presos F.J.R.G , G.B.S. e V.M.L.de G., internos no módulo de isolamento foron golpeados e mesmo encadeados. Malia os partes de lesións e as denuncias presentadas a causa foi, ao igual que a anterior, arquivada.

A Defensora del Pueblo rexeitou investigar casos denunciados asegurando que facelo non tería carácter "preventivo"

Sen investigación  

Para alén destes dous antecedentes, o relatorio dá conta de nove casos  de torturas e maos tratos pretensamente acontecidos entre 2007 e 2015 e que non foron obxecto de investigación. Por exemplo, o de A.P., preso compostelán cuxo corpo apareceu sen vida no interior da cela en 2010. Malia as demandas da familia de que fose investigada a morte e de non lles ter sido permitido o recoñecemento do cadáver, o caso non foi investigado. A falta de pescuda nos casos de maos tratos por parte do funcionariado foi denunciada perante a Defensora del Pueblo porén, esta institución rexeitou tramitala argüíndo que non tería carácter "preventivo" polo que non atopaba razóns para o facer.

Desde Esculca sinalan que "tal situación demanda da intervención de mecanismos supraestatais de garantía dos dereitos fundamentais e prevención da tortura".