O que agochan os muros da prisión

Deseño da penitenciaría panóptica de Jeremy Bentham

Da man de Esculca, Cárcere=Tortura e unha ex-funcionaria de prisións da Lama afondamos na realidade que atinxe as persoas privadas de liberdade na Galiza. 

 

Segundo os últimos dados fornecidos polo Ministerio de Interior a poboación reclusa na Galiza era de 3.688 persoas en 2013 repartidas, principalmente, entre dúas das cinco cadeas que se localizan no país, A Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña). 

O que acontece no interior dos centros penitenciarios continúa a ser unha incógnita para a maior parte da poboación froito da escasa atención mediática que suscitan as condicións de vida da poboación reclusa. Neste silenzo ocúltanse as denuncias de malos tratos, torturas e represión;  folgas de fame e mesmo a morte de presos en réxime de isolamento como foron o pasado ano a de Eugenio García Serrano, Gaviotu, e Borja Martín Gómez, Volvo. Ambos os dous presos na Lama, unha das cadeas consideradas máis duras do Estado español. 

Sen asistencia xurídica

Na cadea “é moi difícil defenderse”, sinala Iolanda Ferreiro, avogada e integrante do observatorio de dereitos civís e políticos, Esculca. En “macrocadeas” como Teixeiro ou A Lama hai “un ou dous xurídicos” para unha poboación “de 1.500 persoas”, explica en relación ao persoal que debe asistir xuridicamente as persoas privadas de liberdade para desenvolveren os trámites burocráticos que exixe a solicitude dun cambio de destino, a matrícula da escola, a tramitación dunha pensión, unha alegación por expediente sancionador ou recorrer a imposición do isolamento. 

"Na cadea é moi difícil defenderse"

A asistencia xurídica de oficio remátase para calquera persoa privada de liberdade “coa condena”. A partir de aí “terán que facelo eles sós” malia contaren cun escaso ou nulo coñecemento xurídico. “A vida na cadea é moi diferente se contas ou non con avogado”, sinala unha ex-funcionaria da prisión da Lama en conversa con Sermos Galiza. “Levamos anos reclamando unha quenda galega de oficio penitenciario” que garanta “asistencia xurídica pública” a todas as persoas. Un feito, lembra Ferreiro, que fai parte dos “dereitos fundamentais” da poboación reclusa mais que “moitos descoñecen”. “Da refresión de grao e de expedientes de sanción é moi difícil defenderse”, apunta a letrada de Esculca quen salienta o uso destas ferramentas como fórmulas de punición de comportamentos reivindicativos entre a comunidade reclusa. 

Torturas, isolamento e dispersión 

O illamento “entre 15 e 20 días”, a “dispersión” arredando @s reclus@s das súas redes de apoio, os “traslados” e “as limitacións das comunicacións” son algunhas das ferramentas empregadas por Institucións penitenciarias para responder ás campañas de denuncia desenvolvidas nas cadeas, explican desde Cárcere=Tortura, unha iniciativa impulsada desde as propias prisións para canalizar as súas demandas e reivindicacións dentro e fóra dos presidios de todo o estado. 

O seu obxectivo, focar a atención no “tratamento denigrante” que atinxe a poboación reclusa, a “presión constante da dirección”, “a coacción” e  a “represión” practicada pol@s funcionari@s de prisións. 

“Non se cumpren os dereitos mínimos e desde sempre existe unha clara vontade política por non resolver o problema e ocultar as denuncias de tortura”

“Non se cumpren os dereitos mínimos”, sinala Iolanda Ferreiro, e “desde sempre existe unha clara vontade política por non resolver o problema e ocultar as denuncias de tortura”. Neste senso, afirma que “os muros das prisións teñen por obxecto evitar que desde fóra vexamos que acontece dentro”. Un feito que foi, máis unha vez, denunciado polo Comité contra a Tortura das Nacións Unidas no seu último informe no que reprende o Estado español por non investigar as denuncias presentadas por pres@s, avogad@s e diversas organizacións para a defensa dos dereitos humanos. Das “15 ou 20” presentadas por Esculca nos últimos anos “chegaron a fase de instrucción 2 ou 3”, apunta Ferreiro para quen a “impunidade” coa que se violan os dereitos fundamentais incrementa a “vulnerabilidade” das persoas privadas de liberdade e que trascende os golpes físicos. 
O caso de Javier Guerrero é, neste senso descritivo. Após se lle conceder un permiso para ver a familia –previsto con meses de adianto-- foille modificada a data a poucos días da chegada de familiares procedentes do extranxeiro. “Iso é represión por represión e unha sanción encuberta”, apuntan desde Esculca. 

Neste senso, denuncian, o escurantismo que rodea as prisións exténdese e fáise visíbel coas mortes rexistradas en cadeas como A Lama e cuxas circunstancias nunca chegan a se esclarecer malia as demandas de familiares e amizades. 

“Que acontece coas persoas que sacan da cadea para que morran nos hospitais, moitas polas doenzas que padecen embora teren que estar excarceradas?"

Borja Martín Gómez, Volvo, foi o último preso atopado morto na cadea pontevedresa, onde xa se rexistrara a morte de Eugenio Sánchez poucos meses atrás. Martín Gómez foi considerado un “suicidio” ao aparecer aforcado na cela de isolamento á que fora enviado polo seu comportamento. Borja Martín salientaba polo seu activismo na campaña Cárcere=Tortura con períodos de xexún como protesta perante as condicións da cadea. Tres días antes da súa morte enviou unha carta que, feita pública através da rede, evidencia –segundo o movemento de apoio e solidariedade--  unha actitude afastada da de quen decide quitarse a vida. Exixen unha investigación que non remate arquivada como a de Eugenio Sánchez. 

“Que acontece coas persoas que sacan da cadea para que morran nos hospitais, moitas polas doenzas que padecen embora teren que estar excarceradas? Ou as mortes por sobredose cando se di que a cárcere é un lugar libre de drogas?”, pregúntase Iolanda Ferreiro. “Se isto se soubese, se os medios de comunicación se interesasen por isto, sería a maneira de mudar un mundo que é opaco e que funciona de maneira paralela”. 

Insalubridade e carencias na asistencia sanitaria 

Porén, como demostrar torturas ou malos tratos cando os informes médicos están asinados “por compañeiros” e non por profesionais independentes. O mantemento da asistencia sanitaria das cadeas en mans de Interior dificulta o estudo con garantías destas prácticas e comportamentos que, para a ex-funcionaria de prisións da Lama, pertencen a cadros de persoal “habituados a costumes propias de tempos menos legalistas”. “É como se após unha carga policial o médico que te atende é policía”, afirma Ferreiro. 

“Non hai asistencia médica 24 horas senón en quendas, o que limita a atención"

Este réxime sanitario dificulta os tratamentos de doenzas habituais nas cárceres como o VIH, a hepatite C ou problemas cardíacos. “Non hai asistencia médica 24 horas” senón “en quendas” o que limita a atención. “Debería haber servizo de urxencias”, reclaman desde Esculca e “persoal do Sergas” nas prisións.  

Así mesmo, denuncian desde as redes de apoio ás persoas reclusas moitos tratamentos e diagnoses fanse noutros territorios o que exixe o traslado d@s reclus@s “en situacións graves de saúde”. 

Estas reivindicacións, subliñan desde Cárcere=Tórtura, “quedan nun segundo plano fronte ás torturas” mais ás que se suma “o frío e a humidade nas celas”, a falta de sistemas de quecemento acaídos para o inverno ou unha alimentación acaída. 

“Estiven en Teixeiro o pasado ano e no módulo de isolamento non había calefacción”, apunta Iolanda Ferreiro quen lembra tamén as “goteiras” que impedían o acceso a esta parte do presidio. “Tiven que acceder polo teito”. “No ano 2010 detectouse un brote de sarna na cadea e durante un tempo tamén estiveron sen auga potábel por problemas no manancial”. Cando tentaron reunirse con algunha das persoas reclusas para dar conta dos “problemas estruturais” que atinxen a cadea “desprazáronos a outras prisións” do Estado español. 
“Esta situación física das cadeas agravouse coa crise” e a “privatización ou subcontrata dalgúns dos servizos que nela se prestan” e sobre o que Esculca insta a reflexionar. 

Esta reportaxe foi publicada orixinalmente no número 146 do semanario en papel.