Denuncian ante a Fiscalía o complexo eólico da Estrada

En verde, o parque actualmente en funcionamento, arrodeado dos outros tres proxectos (Ilustración: Petón do Lobo).
A asociación Petón do Lobo ve indicios de "fragmentación artificiosa" do proxecto, dividido en tres parques máis o que xa está operativo.

Segundo puido saber Nós Diario nesta segunda feira, a asociación Petón do Lobo vén de remitir un escrito á Fiscalía para a apertura de dilixencias penais de investigación polo caso do complexo eólico Nesa Monte Arca, no concello da Estrada.

Trátase de tres parques proxectados nun radio de dous quilómetros que suporían na práctica un único "macroparque", sumados ao de Taiga Tres (impulsado por Gamesa), xa en funcionamento.

"Queremos que se estude se hai indicios de 'fragmentación artificiosa' para facilitar a tramitación dos proxectos, xa que deste modo non se estaría a valorar o impacto ambiental real sobre a contorna", expón, en declaracións a este xornal, a secretaria do colectivo Ana Varela.

Neste senso, salienta as conexións existentes entre as catro empresas promotoras dos parques e a subestación transformadora de enerxía: Vento Continuo Galego SL, Nesa Vento Galego 1 SL, Nesa Vento Galego 2 SL e Nesa Vento Galego 3 SL, todas con domicilio social en Alcobendas (Madrid) e con cargos directivos comúns.

Posíbel delito na tramitación dos proxectos

Aliás, Petón do Lobo pide á Fiscalía que investigue se "os empregados públicos que informan e/ou as autoridades que autorizan os proxectos (a Xunta da Galiza) puidesen ter incorrido nun delito", por autorizaren o proxecto fraccionado para facilitar os trámites.

En concreto, refírese á posíbel comisión de "prevaricación, omisión do deber de perseguir delitos, tráfico de influencias, malversación ou fraude", entre outros.

"A actividade de produción de enerxía eléctrica non pode ser allea a cuestións ambientais, de forma tal que a auga dos nosos ríos, a forza do vento ou a calor proveniente do sol son fontes limpas e inesgotábeis de produción de electricidade, e por iso son fomentadas polos estamentos públicos", reza o escrito dirixido á Fiscalía.