Ambas as compañías asinaron un acordo para xestionar os decesos nas residencias

Denuncian a DomusVi e a funeraria Mémora por infrinxir a Lei de Datos

Protesta en Cangas, o pasado mes de xullo, contra a xestión das residencias de DomusVi, que cualificaban como "neglixente" (Foto: Europa Press).
DomusVi "fixo caixa" coa morte de residentes. Así o denuncia a Federación REDE, que da man do avogado Xoán Antón Pérez-Lema levará a empresa ante a Xustiza por unha presunta vulneración da Lei de Protección de Datos na cesión dos mesmos á funeraria Mémora. Tamén estuda accións legais por infrinxir, supostamente, as leis de Competencia e de Defensa das Consumidoras.

A Federación de Familiares de Usuarias de Residencias (REDE) presentará unha denuncia contra a sociedade DomusVi, xestora de 30 centros de maiores na Galiza, e a empresa funeraria Mémora por unha presunta vulneración da Lei de Protección de Datos.

Así llo fixo saber nesta segunda feira a Nós Diario o presidente de REDE, Paulino Campos, após facer público o xornal InfoLibre o contrato asinado en 2015 entre esta compañía e a funeraria Mémora, a través do cal se estabelecía que DomusVi (daquela Geriatros) recibiría unha "achega colaboracional" cada vez que a familia dunha persoa residente nun centro rexentado por esta sociedade contratase os servizos da devandita funeraria. A cifra, en función da residencia e os servizos contratados, podía alcanzar os 700 euros.

Campos sinala a Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, como a principal responsábel de "facer caixa" con parte das vítimas mortais nas residencias: "A súa sinatura está no documento e ela é quen manda, ten un poder absoluto", sostén, e engade que a polémica "redunda na pouca ética que ten".

Segundo puido saber Nós Diario, a familiar dunha usuaria de DomusVi recibiu a oferta dos servizos funerarios de Mémora por parte da directora do seu centro cando a residente atravesaba un delicado momento de saúde. "Díxome que traballaba cunha funeraria económica, pedinlle por escrito o teléfono e respondeume que chamase a recepción para que mo desen", relata.

Máis aló do plano ético, a empresa tería infrinxido presuntamente a Lei Xeral de Protección de Datos, xa que, segundo expón o contrato, Mémora é designado "encargado do tratamento" dos "datos de carácter persoal pertencentes ao ficheiro propiedade de Geriatros". "Dado que no momento da sinatura do contrato non se aprobara aínda a Lei europea de Protección de Datos de 2018, a norma que estaba en vigor era a de 1999, pode haber unha clara vulneración", afirma, en conversa con Nós Diario, o avogado que leva a causa de REDE, Xosé Antón Pérez-Lema.

Posíbel vulneración dos dereitos das usuarias e "competencia desleal"

REDE está a valorar tamén a posibilidade de denunciar as dúas compañías por infrinxir, presuntamente, a Lei para a Defensa das Consumidoras e Usuarias e a Lei de Defensa da Competencia. Malia que no contrato se declara a "non exclusividade" de ambas as partes asinantes, Pérez-Lema detecta unha "falta de información" ás familias que podería supor unha "grave transgresión da normativa de defensa das usuarias e da competencia leal".

"Ofrecían o servizo, sen dar alternativas, nun momento de absoluta debilidade e desprotección das familias. Temos que estudalo en detalle, mais podería constituír unha infracción pola falta de información e a introdución de cláusulas abusivas", expón.

Máis causas abertas contra DomusVi

Esta non é a primeira vez que REDE e Pérez-Lema levan DomusVi ante a Xustiza. Desde que comezou a pandemia, o despacho do avogado presentou sete querelas criminais polos presuntos delitos de homicidio imprudente, lesións graves e neglixencias médicas nos centros da Coruña, Monforte, Cangas e Compostela. Seis delas xa foron admitidas a trámite e os tribunais abriron dilixencias, e a última está pendente da súa aprobación nos xulgados da capital galega.

Así mesmo, o pasado ano, REDE puxo en coñecemento da Axencia Tributaria un suposto delito de evasión fiscal por parte da compañía e da súa conselleira delegada, após desvelar InfoLibre que parte dos beneficios de DomusVi recalan no paraíso fiscal de Jersey, onde se atopa a sede do fondo de investimento propietario do conglomerado residencial desde 2017. "Presentaremos moi cedo outra denuncia ante a Fiscalía pola presunta evasión fiscal", adianta Paulino Campos.