DomusVi sacou proveito dos falecementos nas súas residencias ao facer de comisionista das funerarias

Imaxe de arquivo da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández. (Foto: Europa Press)

Asinou un acordo comercial con Mémora que lle garantía unha comisión de ata 700 euros por cada familia dun residente falecido que contratase a funeraria.

 

O ano pasado morreron 2.100 ancians e anciás en centros de DomusVi no Estado español. Segundo vén de desvelar Infolibre, Domus Vi ten asinado un contrato con  Mémora, a principal compañía de servizos funerarios no Estado.  

Este  contrato garante, segundo afirma este medio, unha comisión de até 700 euros por cada familia dun residente falecido que contratase esta funeraria.

DomusVi vén actuando como  comisionista polo seu labor comercial en favor de  Mémora polo menos desde outubro de 2015, cando entrou en vigor un “acordo de colaboración e prestación de servizos” entre ambas as compañías, ao que tivo acceso  infoLibre.

DomusVi xestionaba o ano pasado 30 centros de maiores na Galiza e 139 no Estado que tiñan en total preto de 18.500 prazas.

“DomusVi leva polo menos desde 2015 cobrando como  comisionista por enviar clientes ao grupo funerario. O 1 de outubro daquel ano entrou en vigor o “acordo de colaboración e prestación de servizos” entre ambas as compañías.  DomusVi chamábase entón  Geriatros –cambiaría de nome tras adquirir  Sarquavitae en 2017– e o contrato asinouno a súa conselleira delegada, Josefina Fernández  Miguélez”.

DomusVi presentou o pasado mes de marzo unhas contas nas que declaraba uns beneficios millonarios, que daban conta do bo negocio que estaba a facer coas residencias galegas, tristemente protagonistas durante a crise da Covid-19 por concentrar un alto número de falecementos. Segundo as contas consolidadas da compañía a 31 de marzo e recollidas por Economía Digital, GeriaVi, a matriz do holding, obtivo en 2019 un beneficio antes de impostos de 19,5 millóns de euros, e de algo máis de dez millóns unha vez descontadas as cargas fiscais.