Denuncian ameazas de Lactalis para mercar leite por baixo do custo de produción

Mobilización do sector en novembro para exixir prezos xustos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A plataforma Gandeiros Lácteos Unidos acusa Lactalis de seguir “premendo baixo ameazas” as e os gandeiros para que incumpran a Lei de cadea alimentaria e acepten vender a perdas.

Lactalis segue “premendo baixo ameazas” as e os gandeiros para que incumpran a Lei de cadea alimentaria e acepten asinar contratos que impliquen perdas para o sector da gandaría, denuncia a plataforma Gandeiros Lácteos Unidos.

Estas declaracións prodúcense despois dunha reunión entre o grupo Lactalis e a Organización de Produtores Lácteos (OPL), que resalta que non está dispostos a ser signatario de ningún contrato que non cubra os custos de produción do sector lácteo.

Por isto, a OPL subliña que se transixisen non só sairían prexudicados a nivel económico, senón que estarían incumprindo a lexislación vixente, polo que reivindican que por baixo dos 0,40 céntimo de euro o litro non se poden asinar os contratos.

Nese sentido, reportan que as seccións da OPL doutros territorios recibiron unha misiva “ameazante de Lactalis”, o que cualifican de intento de extorsión ao advertir da próxima finalización dos acordos que están en marcha.

Isto supón “unha mostra máis da prepotencia e seguridade de impunidade” da que a multinacional francesa “fai alarde”, indican.

A compañía prefire “saltarse a lei, rirse do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que dirixe Luis Planas e provocar os gandeiros”, resolve Gandeiros Lácteos Unidos.

Porta aberta a seguir negociando

Após a xuntanza sen acordo entre Lactalis e a OPL, as partes comprométense a “seguir intentado a negociación”, e se fose preciso, reclamar un negociador nomeado polo Ministerio como recolle a Lei de cadea alimentaria.