Os gandeiros galegos cargan contra Lactalis polos prezos do leite

Critican a suba "irrisoria" de prezos da industria e piden trasladar os gandeiros e gandeiras as alzas rexistradas na distribución.
Un camión cisterna verte leite ás portas da factoría de Lactalis en Vilalba (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un camión cisterna verte leite ás portas da factoría de Lactalis en Vilalba (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Gandeiros galegos, convocados polo sindicato Unións Agrarias (UUAA), levaron as súas protestas ante a sede de Lactalis, en Vilalba, para reclamar a industria unha subida do prezo do leite que lles permita cubrir os custos de produción.

O acto mobilizou un gran número de produtores, algún dos cales mesmo levou o seu tractor até as inmediacións da factoría. Alí un camión cisterna verteu leite en sinal de protesta. Tamén bloquearon a entrada da fábrica da multinacional francesa e colgaron no enreixado un cartel coa lema 'Polo noso traballo, polos nosos produtos. Prezos xustos'.

Desde o sindicato, secretario de Coordinación Sectorial, Felix Porto, explicou que con este acto buscan facer un "chamamento desesperado" para que, "dunha vez por todas, se tomen decisións" e se suba o que se paga aos gandeiros e gandeiras galegas polo seu leite.

Segundo apuntou Porto, Lactalis recolle leite a uns 1.200 gandeiros galegos e só ofrece unha alza " irrisoria" e "insultante" dun céntimo, mentres os produtores sufriron un incremento de 26% dos custos de produción. Remarca que esta compañía, polo seu volume de recollida, "marca pautas de comportamento respecto a as demais".

Neste senso, o responsábel sindical avisa de que as industrias "son as que teñen neste momento a pelota no seu tellado", despois de que a distribución aplicase incrementos en supermercados nos prezos nos últimos meses, pero "nin un só céntimo" desas subidas repercutiuse nos gandeiros.

O sindicato avanza que "non vai permitir que as industrias, ás que acusa de "aproveitarse desta situación dramática", lle sigan metendo a man no peto" aos gandeiros, pois "quedan coa subida que houbo na distribución" nos lineais.

As protestas contra a industria láctea continuarán a vindeira terza feira, 16 de novembro, cunha concentración ante a sede de Larsa en Outeiro de Rei.

Doutra banda, o ministro de Agricultura, Luis Planas, fixo onte un chamamento aos sectores da industria e a distribución para "examinar" a situación dos produtores de lácteos e chegar a acordos "en todos os elos da cadea", á vez que advertiu de que o Goberno estatal actuará se comproba que hai algunha violación da lei da Cadea Alimentaria no que a custos se refire.

Comentarios