O Goberno de Celanova cobre e rodea cunha terraza a figura de Curros Enríquez

A figura de Curros Enríquez en Celanova (Foto: Nós Diario).
O BNG de Celanova cualificou a acción do Goberno municipal de "aldraxe" á figura do poeta.

O Bloque Nacionalista Galego de Celanova exixiu esta sexta feira ao Goberno da localidade, liderado polo alcalde Antonio Puga (Celanova Decide) que ordene a retirada da carpa que cobre a estatua de Curros Enríquez inaugurada en 1951, ano do centenario do nacemento do poeta.

O BNG, que en xaneiro de 2020 xa lanzara unha proposta para unha ordenación do uso do espazo público da vila diante da "descontrolada" ocupación do mesmo, considera que a autorización para cubrir o xardín que acolle a estatua de Curros e que fai parte dun único conxunto arquitectónico que honra ao poeta é unha mostra do "desleixo intolerábel do Goberno municipal a respecto do patrimonio histórico e cultural de Celanova".

"Agresión ao patrimonio histórico"

"Desde o BNG de Celanova agardamos desde hai tempo unha reacción desde a Alcaldía do Concello de Celanova fronte a estas agresións continuadas ao patrimonio histórico cultural da vila", indican desde a organización nacionalista.

 "O encerro do monumento a Curros Enríquez debería alertar todas as veciñas e veciños de Celanova. Máis alá de gustos e excesos na decoración pública destas datas", acrecentan desde o BNG celanovés.

Para os nacionalistas "a actuación no xardín e na estatua de Curros Enríquez é unha mostra da desconsideración absoluta polo legado histórico cultural e un desprezo ao dereito á cultura e ao patrimonio de toda a veciñanza de Celanova".

"Disparate"

Para alén diso, engaden que esta acción do Goberno da localidade supón un "disparate desde o punto de vista da promoción da vila como referente cultural".