Familiares de maiores piden que as residencias privadas sexan intervidas

A residencia para maiores en San Lázaro, Compostela, está xestionada por DomusVi, a maior empresa do sector no Estado español. (Foto: Arxina).
Criticas á "opacidade" dos centros e esixencias de "control público"

A explosión de casos positivos na COVID-19 en residencias de maiores que en datas recentes viñan producíndose en Madrid chega a Galiza. Así, durante a xornada de onte confirmouse que até un total de nove usuarias de centros de maiores de Caldas de Reis, Celanova, Compostela e Barreiros (Vigo) estaban infectadas polo coronavirus. 

Tanto en Caldas como en Celanova trátase dun único caso. Porén, mentres que na primeira a doente permanece illada no propio centro, no segundo foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Pola súa banda, as residencias afectadas en Compostela e Vigo están xestionadas pola mesma empresa, DomusVi, a líder do sector a nivel estatal e que só na Galiza xestiona 35 centros, con 150 prazas en cada un deles. 

Na de Compostela foron cinco as persoas infectadas, mentres que na de Vigo son dúas as usuarias que contraeron o virus, aínda que existe a posibilidade, á espera dos resultados da proba, de que tamén enfermase un doutor que xa se atopa en situación de corentena no seu domicilio.

Desde DomusVi informaron de que están a "tomar medidas" para evitar a propagación da infección, e recoñeceron que a Consellaría de Sanidade tivo coñecemento dos casos xa o pasado día 18 de marzo, cuarta feira.

Ademais, DomusVi explica que "se están a tomar medidas de prevención desde finais do mes de febreiro, con maior hixiene, prevención e preparación do persoal, que está máis que concienciado para facer fronte á emerxencia sanitaria".

A empresa resalta, tamén, que as familias "están informadas de todo o acontecido", e inciden no feito de que as terán ao tanto "permanentemente". "Os seus seres queridos están en boas mans", apostilan.

As familias contradín totalmente DomusVi

Nós Diario púxose en contacto coa Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias e Xeriátricos de Barreiros (Asfareba), quen refuta as declaracións da empresa, afirmando que a bandeira da súa política comunicativa é "a opacidade".

A pesar da imaxe de tranquilidade que transmite a empresa, os familiares insisten en que esa non foi a sensación que lles transmitiron a eles: "Puxémonos en contacto coa dirección do centro e, a pesar do que din en público, a nós díxosenos basicamente que se os resultados das probas que lles fixeron ás internas son negativas en coronavirus, o mellor sería que as levásemos con nós, porque, 'poden suceder moitas cousas'".

O "pánico" esténdese entre os seres queridos das persoas máis vulnerábeis á pandemia, ademais, porque "a persoa infectada era unha usuaria funcional, que se valía por si mesma, polo que o virus ben puido estenderse por toda a residencia".

Unha posíbel medida paliativa a esta extensión dos contaxios en centros de maiores, segundo a Federación Galega de Usuarias e Familiares nas Residencias e da Dependencia sería "que todas as residencias privadas queden baixo control público".

"Con iso garantiríase que se salven máis maiores, mellores condicións para as empregadas e evitaríase a opacidade propia dos centros privados", conclúen.