"Seguramente moitas estamos xa traballando con coronavirus"

Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).
Clamor ante a falta de EPI e probas da COVID-19 nas residencias.

Desde as residencias galegas critican as carencias materiais e de persoal que padecen para enfrontarse á pandemia.

Fátima Fernández, directora da residencia de maiores de Foz, acusa as institucións públicas de non enviarlle "nin un só equipo de protección individual (EPI)". "E noutros centros que si recibiron algo, as cantidades son irrisorias, algo así como dous botes de xel, dúas caixas de máscaras e outro par con luvas", apostila.

"A min só me chamaron onte pola mañá -en referencia ao domingo- para saber o número de persoal que tiña dispoñíbel, e nada máis. Logo, por correo electrónico, tamén preguntaron se tiñamos usuarios con síntomas ou confirmados con coronavirus, que é o único que lles importa, mais, como vou saber se están infectados se non temos test? Teñen que facernos xa as probas, ás residentes e a nós, para saber se estamos infectadas, porque seguramente moitas do cadro de persoal estaremos traballando xa con COVID-19.

Celanova, á cabeza

A situación nas residencias galegas agrávase por momentos. Así, na de Celanova rexistráronse 24 positivos -e unha falecida-, que se suman aos xa detectados en Caldas de Reis (1) e nos centros DomusVi de San Lázaro (5) e Barreiro (11).

A Fundación San Rosendo, en Ourense, tivo un primeiro caso positivo. Esta institución, que conta con financiamento público por parte da Xunta da Galiza, ten como presidente de honra Benigno Moure, cura condenado por roubar 600.000 euros a unha anciá con alzhéimer.

Moure é un home moi próximo ao PP, até o punto de que, logo da súa condena, participaron nunha concentración no seu apoio persoeiros da relevancia de José Luís Baltar, ex presidente da Deputación ourensá