O coronavirus desata o medo nas residencias

A residencia para maiores en San Lázaro, Compostela, está xestionada por DomusVi, a maior empresa do sector no Estado español. (Foto: Arxina).
Os casos de infeccións por coronavirus multiplícanse nas residencias do país, poñendo o foco sobre unha parte fundamental do sistema asistencial galego que está, en 77%, en mans privadas. Familias, traballadoras, sindicatos e partidos políticos critican a "opacidade" comunicativa que rodea todo o que acontece no interior duns centros aos que se acusa de ocultar neglixencias ou de escatimar en medidas de protección, polo que demandan o seu inmediato control por parte do poder público e, concretamente, da Xunta da Galiza.

Opai de Marcos -prefire non facilitar o seu apelido- atópase confinado nunha habitación na residencia DomusVi San Lázaro, en Compostela, a mesma na que xa se rexistraron cinco casos positivos en coronavirus.

Mais non está só nese confinamento. Ao seu carón, noutra cama situada a escasos centímetros, hai outra persoa, outro ancián coma el, outro doente, vítima tamén da idade e das circunstancias, coa diferenza de que este tuse, di, e moito.

"Como familiares, estámolo pasando moi mal, tes medo polo teu ser querido", sinala Marcos, que revela a Nós Diario que non se lles practica a proba do coronavirus nin ao seu pai nin ao seu compañeiro de habitación "porque din que non ten febre".

A dirección da residencia de San Lázaro, controlada pola empresa DomusVi -responsábel tamén da de Barreiro, en Vigo, na que a cifra de persoas contaxiadas está no aire, pois non se aclarou se as infectadas son once anciás ou nove anciás e dúas auxiliares- está recibindo fortes críticas e acusacións de "opacidade total" en relación á xestión da crise da COVID-19.

"O médico nin se me quixo poñer ao teléfono, todo o que din nesa empresa é para quedar ben de portas para fóra, pero a nós -as familias- non nos comunican nada de nada", afirma Marcos.

A unha hora de coche de alí está outra das 30 residencias que DomusVi ten na Galiza, a de Barreiro, Vigo.

Paulino Campos, presidente da Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias e Xeriátricos de Barreiro (Asfareba), móstrase máis rotundo que Marcos, ao apuntar que a situación resulta mesmo "máis complicada" que a que se vive en Compostela, até o punto de que tiveron que presentar unha demanda para obter información do estado dos seus seres queridos.

"Demandamos ante a Policía pola vulneración dos dereitos fundamentais que nos outorga a Constitución española, concretamente no relativo ao dereito á información e ao dereito á dignidade, que nos estaban sendo violados ou vulnerados, pois non recibiamos información do que estaba sucedendo dentro do centro e estabamos moi preocupados polo destino das nosas familiares, especialmente desde que soubemos que as doentes de coronavirus pasaban de dúas a 11", engade Paulino Campos.

Para el, foi ese momento no que se decataron de que as persoas enfermas se multiplicaban cando se produciu un enroque na "opacidade que sempre caracterizou a política comunicativa de DomusVi". "En canto se fixo público ese dato, a dirección da residencia primeiro negouno todo, e logo cortou as comunicacións, facéndonos vivir momentos dramáticos, de moita tensión", denuncia.

Como nin a directora da residencia nin o médico respondían ao teléfono, víronse obrigados  a acudir ás autoridades, grazas a quen comezaron a recibir "algo" de información por parte das responsábeis dun centro no que, advirten, hai tempo que se veñen producindo sen consecuencias "graves neglixencias, como a morte dunha señora en mans da súa filla tras 25 minutos pedindo auxilio sen que ninguén as acudise, pois non había médico ningún por ser sábado".

Abrir o melón das residencias privadas

O caos creado nas residencias de xestión privada a raíz da pandemia do coronavirus vén poñer o foco sobre un problema: a primacía do privado sobre o público no sector das residencias de maiores, pois controlan 77% das prazas dispoñíbeis, un total de 19.290.

Familias, profesionais, expertas e grupos políticos hai anos que veñen criticando esta realidade. A deputada nacionalista Olalla Rodil denunciou que a Galiza está lonxe da ratio de cinco prazas en residencias por cada 100 habitantes que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), o que se traduce en que hoxe "hai 2.000 persoas agardando por unha praza nunha residencia pública, para a que teñen un tempo de espera dun ano e medio".

Ademais, critica que quedase en nada unha das propostas estrela do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na campaña de 2016, "cando prometeu aumentar en gran medida o número de prazas públicas dispoñíbeis, construíndo sete novas residencias distribuídas nas principais cidades, pero pasou a lexislatura e non fixo nada", conclúe Olalla Rodil, que nos últimos días cargou en Twitter contra a xestión das residencias.