Os delitos alcanzan a cifra máis alta dos últimos 10 anos na Galiza

Manifestación feminista en Vigo o 4 de marzo de 2018. (Foto: Europa Press)
O crecemento das infraccións penais medra na Galiza, alcanzando o seu cumio da última década. Unha suba da delincuencia que é especialmente importante nos delitos contra a liberdade sexual e nas estafas telemáticas.

Após un ano 2020 marcado pola pandemia que supuxo a cifra máis baixa de infraccións penais na Galiza da última década, con 73.334; 2021 supuxo, pola contra, o dato máis alto dos últimos 10 anos, con 88.255 delitos, un ascenso do 20% con 14.911 infraccións máis con respecto ao ano anterior.

Unha suba da delincuencia especialmente importante no caso dos delitos contra a liberdade sexual, que ascenderon un 29,3% pasando dos 547 de 2020 aos 707 de 2021, e situándose na cifra máis alta contabilizada na serie (con datos estatísticos desde 2010).

No caso das violacións, incrementáronse nun 32,8%, pasando de 61 a 81, segundo dato máis alto da serie após as 91 de 2019.

Pola súa parte, en 2021, rexistráronse na Galiza 18 homicidios dolosos e asasinatos consumados, que supuxeron un 63,6% máis que o ano anterior e o dato máis alto desde 2015; 34 homicidios dolosos e asasinatos en grado de tentativa, un 3% más; e 945 delitos graves de lesións e rifa tumultuaria, un 17,5% máis.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, fixo valoración do Balance de Criminalidade de 2021, feito público polo Ministerio do Interior.

O delegado advertiu esta segunda feira de que as estafas informáticas, unha tipoloxía que aínda non é recollida nos portais estatísticos públicos de criminalidade do Ministerio do Interior, representaron no ano pasado “un de cada catro delitos cometidos na Galiza”.

As estafas cometidas de forma telemática ascenderon a 19.946 dos 88.255 delitos contabilizados, segundo avanzou Miñóns, que tamén afirmou que os datos supoñen a continuación dunha “tendencia ascendente neste tipo de delincuencia que comezou coa pandemia”. 

Os datos avanzados pola Delegación do Goberno estatal na Galiza sinalan que as estafas informáticas subiron o ano pasado un 53,6% no territorio galego, crecemento que segundo Miñóns “provoca que a taxa de criminalidade alcanzada no país en decembro, que foi de 32,7 delitos por cada mil habitantes, ascendese 1,7 puntos con respecto ao trimestre anterior”.

Tamén crecen considerabelmente os furtos, un 24,4%, pasando de 12.348 a 15.367; e os roubos con violencia e intimidación, que medran dos 767 aos 853, un 11,2%. Aínda así, estas tipoloxías de delito, furtos e roubos con violencia e intimidación, mantéñense en cifras inferiores ás do 2019, con 18.846 e 945 respectivamente, así como ás do resto da serie.

Caen un 7,1%, en comparación co ano anterior, os roubos con forza en domicilios, estabelecementos e outras instalacións, que pasan dos 4.047 aos 3.760.  Tamén baixan as subtraccións de vehículos, un 7,3%, de 437 a 405, datos que contrastan coas case 2.000 do ano 2010. Os delitos por tráfico drogas no territorio galego caen dos 552 aos 448, o que supón unha baixada do 17% con respecto a 2020.

En relación aos secuestros, non se produciu ningún na Galiza durante os anos 2020 e 2021.

Incremento dos efectivos de Policía e Garda Civil

O delegado do Goberno, José Miñóns aproveitou estes datos para informar dun incremento das forzas e corpos de seguridade do Estado na Galiza. En 2021 os cadros da Policía do estado e da Garda Civil creceron un 3% , sumando entre ambos corpos 8.634 efectivos. "Son 270 policías e gardas civís máis que no ano anterior", presumiu o delegado do Goberno estatal.