Opinión

Samuel

A xente intenta explicarse o porqué de tantas agresións gratuítas e de extrema violencia (de xénero, xenófobas, homófobas ou por calquera outra causa ou circunstancia real ou imaxinaria). A primeira reacción, dende a lexítima indignación ante un acto tan abominábel, levaríanos a facer un diagnóstico superficial sobre os culpábeis directos: uns malnacidos, simplemente.

Pero, cales son as razóns de fondo que están levando a unha parte minoritaria, mais significativa, da sociedade a comportarse dunha forma nefanda pagando as súas frustracións persoais e sociais con persoas e colectivos inocentes e indefensos? Para ser precisos, deixando a un lado as condutas criminais de tipo patolóxico, o asasinato de Samuel (e outros casos similares) habería que enmarcalo na grave degradación política, económica e socio-cultural do actual sistema de convivencia. Esta vez tocoulle a un rapaz novo que só estaba en compaña dos seus amigos divertíndose de forma pacífica e responsábel, pero xa son moitos e moitas as vítimas de delitos de odio que prenden como a pólvora entre certos sectores da sociedade.

Sexamos claros, algo moi perverso está medrando no noso sistema social, adoecido dunha repugnante patoloxía socio-cultural, facendo posíbel que xente relativamente nova poida caer presa dun odio asasino desbocado. É un problema complexo, pero sen dúbida algo terá que ver a actual deriva social, cultural e política neses comportamentos. 

Nunha sociedade sa esas condutas serían neutralizadas ou moderadas, pero por desgraza acontece ao contrario, agravándoas ata límites extremos.

Admitámolo, estase cultivando a intolerancia irracional como forma de confusión e alienación social. Por exemplo, cando un tribunal non condena un cartel claramente racista, permitíndose facer valoracións políticas en vez de aplicar a lexislación vixente contra os delitos de odio está contribuíndo a banalizar a xenofobia e a legalizar o odio ao diferente. Cando se normalizan acriticamente, por algúns medios de comunicación e determinadas forzas políticas, as condutas homófobas, a agresión sexual e o feminicidio; en definitiva, o odio irracional, están favorecendo a proliferación deses comportamentos criminais e antisociais. Cando os poderes públicos permiten que as televisións (incluídas as públicas) inclúan na súa programación filmes que promoven de forma indiscriminada a violencia gratuíta están contribuíndo a banalizar os comportamentos antisociais. Pero non nos enganemos, esas condutas son formas clásicas de fascismo, instrumentalizadas tamén no pasado pola Alemaña nazi e o franquismo. 

O sistema socio-político non é inocente. Un contexto socio-cultural regresivo, con miles de mozos sen un futuro digno, e sen perspectivas de emprego e salarios que o fagan posíbel, é o caldo de cultivo ideal para o florecemento do nihilismo antisocial e a violencia gratuíta. 

A resposta ao asasinato de Samuel debe ser o castigo exemplar dos culpábeis, pero tamén a esixencia dun cambio social, cultural e político do actual sistema promovendo os valores de xustiza, liberdade, tolerancia e respecto polo diferente. Senón non avanzaremos.

Comentarios