2020 deixou na Galiza 554 delitos de agresións sexuais

O Informe sobre as violencias sexuais recolle que na Galiza se rexistraron no último ano 554 delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, dos que 61 foron agresións sexuais con penetración.
A Cámara analizou os estudos de violencia machista da Xunta (Foto: Parlamento galego)
photo_camera A Cámara analizou os estudos de violencia machista da Xunta (Foto: Parlamento galego)

A Galiza rexistrou ao longo do último ano 554 delitos contra a liberdade e indemnidade sexual. Estes delitos divídense nas estatísticas de criminalidade do Ministerio en "agresión sexual con penetración" (61 casos) e "resto de delitos contra a liberdade e indemnidade sexual" (493 casos). Así consta no Informe sobre as violencias sexuais 2020 que esta quinta feira, 27 de maio, presentou a secretaria xeral de Igualdade da Xunta da Galiza, Susana Lopez Abella, en comisión parlamentar. 

Abella tamén deu conta dos resultados da enquisa realizada no pasado mes de xullo a 3.874 persoas residentes na Galiza. Nela, cando se pregunta polos motivos da violencia sexual, 80% están de acordo coas seguintes afirmacións: O machismo da sociedade, problemas psicolóxicos ou mentais dos agresores, falta de autocontrol dos agresores, abuso de alcohol ou drogas. 

Unha porcentaxe tamén importante son os motivos vinculados directamente ao comportamento sexual, como: A educación sexual deficiente entre a mocidade (78,4%) e o aumento no consumo de pornografía (67,1%).

Ao diferenciar a resposta por sexo, os homes tenden a identificar en maior proporción problemas relacionados coa personalidade do agresor, como o abuso de alcohol e drogas, problemas psicolóxicos ou mentais do suxeito ou a falta de autocontrol.

Mentres, as mulleres cren en maior medida que unha das razón deste tipo de violencia é o machismo instalado na sociedade e o aumento do consumo de pornografía como posíbel causante.

Após a exposición dos informes por López Abella, a deputada Olalla Rodil (BNG) reclamoulle “reforzar e ampliar a rede de recursos”, de maneira especial nos Centros de Información ás Mulleres (CIM) así como máis información en Atención Primaria para detectar, á maior brevidade, os casos de violencia machista. Aliás, Rodil tamén demandou más coordinación entre as institucións públicas e servizos así como “incrementar a protección e o dereito das vítimas a unha vivenda pública”.

Pola súa banda, a socialista Noa Díaz alertou da “falla de estratexia” por parte da Xunta, a cal ve "perdida en intervencións de moi pouco alcance” mentres o aumento dos datos de violencia sexual nos últimos 5 anos “producen arrepíos”, cun incremento de 18,7% por cento en 2019, e outro 18% en 2020. A parlamentar exixiu “máis accións lideradas pola Xunta".

Comentarios