Defensa da Sanidade ve "conflitos de interese" no vínculo familiar entre a xerente do Sergas e a patronal

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, en primeiro plano. (Foto: Xoán Crespo)
"Evidencia as estreitas relacións e os conflitos de interese entre a Administración pública e a patronal de hospitais privados", afirma a asociación.

O vínculo de sangue que partillan a actual xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e o xerente da patronal da sanidade privada na Galiza, o seu irmán Manuel, unha información publicada esta quinta feira por Nós Diario, está a suscitar reaccións desde diferentes ámbitos políticos e sociais. No plano sanitario, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera que este feito "evidencia as estreitas relacións e os conflitos de interese entre a Administración pública e a patronal de hospitais privados", pois "unha parte importante dos ingresos da sanidade privada proceden do orzamento público".

Considera este colectivo que a "conivencia" entre os sectores público e privado no que respecta á sanidade "explica a estratexia de desmantelamento do sistema sanitario público por parte do PP, que ten como obxectivo fundamental a potenciación do sector empresarial hospitalario e a privatización", logo de que a patronal, a Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), "recoñecese recentemente que precisaba 120 médicos máis para atender a actividade concertada co Sergas".

"Esta demanda, explicaría por que a Administración Sanitaria Galega acorde agora suprimir a dedicación exclusiva do persoal médico que traballa nos hospitais públicos, para que traballen tamén na privada. O pluriemprego médico asociase con menores salarios", lamenta a asociación.

Desde a AGDSP fan alusión tamén á flexibilización do réxime de incompatibilidades para o persoal sanitario acordada pola Xunta e o Consello Galego de Colexios Médicos, que, advirten, "leva consigo importantes conflitos de interese que prexudican o sistema público e a poboación".

Entenden que "favorece un maior absentismo e evasión de tarefas, desvío de pacientes ao sector privado, demanda inducida e selección de pacientes, uso indebido de recursos públicos para fins privados ou alteracións nas listas de espera", alén de ser "contrario a Lei de Saúde da Galiza".

"Esta decisión, nun momento de falta de persoal médico nos hospitais públicos, asociado co crecemento exponencial das listas de agarda e a parálise se servizos, é inexplicábel ademais desde unha óptica empresarial. A exixencia de dedicación exclusiva é unha práctica habitual das empresas co persoal de alta cualificación e faise para fidelizar que as e os profesionais traballen só na pública", engaden.