A defensa do condutor do autobús accidentado en Cerdedo-Cotobade refuta a versión da Garda Civil e apunta ao estado do bus

Estado no que quedou o autobús após o sinistro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Fontes da contorna do chofer mostraron a súa desconfianza sobre a forma en que se chegou a concluír que a saída de vía se debeu a un exceso de velocidade, algo que, ao seu xuízo, non vén sustentado nos cálculos que se reflicten no documento que figura en poder do xulgado número 1 de Pontevedra, encargado da instrución do caso.

A defensa de C.M., o condutor do autobús accidentado a pasada Noiteboa en Cerdedo-Cotobade, rexeita as conclusións do informe pericial elaborado por técnicos da Garda Civil que, segundo avanzou o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, apunta a un exceso de velocidade como causa do sinistro no cal morreron sete persoas.

Fontes da contorna do chofer mostraron a súa desconfianza sobre a forma en que se chegou a concluír que a saída de vía se debeu a un exceso de velocidade, algo que, ao seu xuízo, non vén sustentado nos cálculos que se reflicten no documento que figura en poder do xulgado número 1 de Pontevedra, encargado da instrución do caso.

Manteñen que a causa do sinistro foron as condicións meteorolóxicas que imperaban na zona na noite do 24 de decembro de 2022, unha xornada de fortes precipitacións e baixa visibilidade que, segundo recalca a defensa do chofer, provocou que o autocar fixese 'aquaplanning' nunha balsa de auga da curva previa á entrada á ponte de Pedre, por onde se precipitou desde unha altura de 29 metros até caer ao leito do río Lérez.

Así o trasladou na súa declaración inicial o propio condutor, prestada na comandancia da Garda Civil o 30 de decembro, seis días despois do accidente. O seu defensa avanza que manterán esta versión que, engade, será apoiada con dous informes periciais que refutarán as conclusións do feito pola Garda Civil, no que "non hai ningún dato" que reflicta "a fórmula" pola que foi calculado que o autobús viaxaba a máis de 80 quilómetros hora, límite no punto.

Custodia das probas

A representación legal o chofer desconfía do feito de que se declarase "inservíbel" o tacógrafo do autobús, recuperado da auga tras o accidente. Ademais, tamén pon o foco na cadea de custodia das probas, xa que entende que o vehículo non debeu ser trasladado ás instalacións da empresa Monbus en Pontevedra ao ser esta unha parte interesada no caso como titular da liña.

Alí, nas cocheiras que a compañía ten en Lourizán, foi onde os técnicos da Garda Civil inspeccionaron o vehículo para extraer a información para o seu informe sobre as causas do sinistro.

O estado do autocar é outro dos argumentos que emprega a defensa do condutor, quen, segundo estas fontes, notara nos días previos ao sinistro que o vehículo "presentaba problemas".

Así, a defensa manifesta a súa oposición "frontal" ás conclusións do informe da Garda Civil, que ve "dirixido" a responsabilizar unicamente o condutor "obviando" cuestións como o estado do autobús ou as condicións meteorolóxicas daquela noite.