A ampliación da Rede Natura, pendente desde 2011

Unha década de 'recortes' na normativa de medio ambiente

Na serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000, hai 28 parques eólicos (Foto: Turismo da Galiza).
O Goberno galego presentou en 2011 a súa proposta para ampliar a Rede Natura 2000 a 15,2% do territorio ante as constantes críticas da Unión Europea; porén, hoxe aínda non se efectuou. Neste tempo xurdiron proxectos eólicos nos espazos previstos para a ampliación, e a Xunta, a través das últimas modificacións legais, recortou a participación cidadá e simplificou os procedementos administrativos das eólicas.

A Xunta da Galiza vén de ampliar en 3% as áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), até abranguer unha superficie de 765.238 hectáreas —25,7% do territorio—. Aliás, 22 especies están suxeitas a esta figura de protección, entre as que cómpre salientar a escribenta das canaveiras, o miñato real ou o sisón, todas elas en perigo de extinción.

A normativa ten por obxectivo protexer a avifauna das liñas de alta tensión, para o que se estabelecen unha serie de directrices que buscan paliar o dano causado. Porén, esta delimitación non supón de facto a exclusión de instalacións enerxéticas destas áreas, quer tendidos eléctricos quer infraestruturas de xeración como parques eólicos, senón que as empresas promotoras deberán "ponderar" as afeccións e tentar minimizalas o máximo posíbel.

A Xunta entende como zonas de protección da avifauna, alén das áreas prioritarias de reprodución anteriormente referidas, os ámbitos de aplicación dos plans de recuperación e conservación de especies vulnerábeis —apenas catro na Galiza, onde hai 201 taxons ameazados— e as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), que forman parte da Rede Natura 2000 e, polo tanto, si están exentas de instalacións enerxéticas. Mais estes últimos espazos apenas supoñen 3,5% da superficie galega.

En total, a Rede Natura abrangue 11,74% da Galiza —16 ZEPA e 59 Zonas de Especial Conservación (ZEC)—, o que o converte no segundo territorio do Estado con menor porcentaxe de espazos protexidos tras Melilla, só superado por Melilla (3,31%) e moi afastado de Euskadi, o seguinte na listaxe (20,16%). Así mesmo, non existe por lei unha distancia mínima entre os aeroxeradores e estas zonas protexidas e, en consecuencia, ningún impedimento para que estes se sitúen nos seus arredores.

54 parques construídos na Rede Natura 2000

Cando o Executivo de Manuel Fraga aprobou en 1997 o Plan sectorial eólico da Galiza (PSEG) non se fixou ningunha restrición sobre o territorio que abrangue a Rede Natura 2000. Tampouco cando o plan foi modificado en 2002. A prohibición de construír parques eólicos nestes espazos protexidos chegou da man do Goberno bipartito, a través do decreto 242/2007.

Dado que os primeiros muíños arribaron na Galiza en 1987, durante dúas décadas erguéronse 54 parques nestas zonas, isto é, 39,5% dos 3.173 megawatts (MW) instalados a setembro de 2009 —hoxe roldan os 4.000—, segundo datos do Observatorio Eólico da Galiza (OEG). Destaca o caso da serra do Xistral, con 28 polígonos eólicos.

A Rede Natura da Galiza é a máis cativa do Estado, só superada por Melilla

A Comisión Europea vén alertando desde a década pasada da "insuficiencia" da proporción de espazos protexidos na Galiza, o que levou a Xunta a elaborar en 2011 unha proposta de ampliación da Rede Natura 2000 a 15,2% da superficie total do país. Con todo, hoxe é aínda unha materia pendente para o Goberno galego, que desouviu senllas propostas do Parlamento para "desbloqueala" en 2017 e neste mesmo ano.

A falta de protección ambiental provocou que nestas perto de 150.000 hectáreas previstas para aumentar os espazos naturais protexidos estean a promoverse na actualidade unha trintena de parques eólicos con 136 aeroxeradores. É o caso das serras da Groba, O Suído ou A Cova da Serpe.

Mudanzas na lexislación

Desde que en 2009 accedeu á presidencia do país, Alberto Núñez Feixoo ten efectuado unha serie de mudanzas legais en materia enerxética e ambiental que, segundo denuncian os colectivos ecoloxistas, converten Galiza "nun gran polígono industrial eólico". O primeiro cambio produciuse aos poucos meses de chegar a San Caetano, en decembro daquel ano, coa aprobación da Lei do aproveitamento eólico. Este texto creou a categoría de "interese especial" para determinados parques, unha decisión que depende do criterio do Goberno galego e que supón a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos.

A Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais na Galiza, dispón que os proxectos deberán axustarse ás Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) ou ben "na faixa paralela a estas".

Tamén a Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, afonda nesta cuestión, ao estabelecer que se poderán erguer muíños fóra das ADE no caso das "modificacións substanciais dos parques en funcionamento" ou naqueles proxectos "que teñan unha clara incidencia territorial pola súa incidencia económica e social", polo que a Administración se reserva a posibilidade de aprobar a construción de parques eólicos fóra á marxe do disposto no PSEG se así o decide o Consello da Xunta.

O Goberno de Feixoo abriu a porta a aprobar parques eólicos fóra das ADE

Este último documento tamén permite realizar de forma simultánea os diferentes trámites requiridos para impulsar un proxecto destas características, algo que a ollos da asociación ecoloxista Adega "reduce a participación da cidadanía", que agora disporá "dun único período" para presentar as alegacións oportunas, "e non de varios".

Outra das demandas máis repetidas polos colectivos ambientalistas é someter o PSEG a unha avaliación ambiental estratéxica —obrigatorio por lei a nivel estatal desde 2006—, isto é, valorar o impacto de todos os parques eólicos no seu conxunto, no canto de analizar as afeccións de cada proposta de forma individual.

Por outra banda, a Xunta vén de incluír na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2022 unha modificación da normativa ambiental que permitirá desenvolver un "uso ou actividade non previsto no correspondente instrumento de planificación" en espazos protexidos como as áreas que abrangue a Rede Natura 2000, como instalacións enerxéticas.

A Xunta permitirá "usos non previstos" nos espazos naturais protexidos

A respecto destas cuestións pronunciouse a pasada semana o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que advertiu na sentenza na que falla contra o proxecto de parque eólico na serra do Iribio —autorizado pola Xunta a pesar de que a avaliación ambiental datase de 2005 e a Xustiza a considerase obsoleta—, onde afirma que "aínda existe un gran baleiro legal en materia ambiental na que se amparan as empresas enerxéticas para levaren adiante os seus proxectos".

Eólicos en Redondela

Noutra orde, o BNG vén de denunciar o "escurantismo" que arrodea dous proxectos eólicos que se atopan na fase inicial de tramitación, Moscoso e Pazos de Borbén, que situarían oito e dez turbinas respectivamente, "de entre 145 e 175 metros de altura", nos montes de Reboreda e Quintela, entre este último concello e os de Redondela e Soutomaior.

O portavoz redondelán do Bloque, Xoán Carlos González, alertou do "enorme impacto ambiental" que terían sobre a Enseada de San Simón, que forma parte da Rede Natura 2000.