A idade mínima para votar, a debate no Estado

Eleccións galegas de xullo de 2020. (Foto: Europa Press)
O Congreso terá que decidir se acepta tramitar esta iniciativa que expón modificar catro artigos da Lei Electoral para rebaixar a idade de voto aos 16 anos, recoller ese axuste no censo e fixar tamén ese mínimo para poder formar parte dunha mesa electoral.

Esquerra Republicana defenderá esta terza feira no Congreso a súa proposta de cambiar a Lei Electoral para permitir o voto a partir dos 16 anos. Trátase dunha iniciativa que conta co apoio de formacións como Unidas Podemos e Más País, e que está recollida como unha posibilidade que o Goberno español menciona na Estratexia de Mocidade 2022-2030 aprobada o pasado mes de maio.

Precisamente foi naquel momento, tras a aprobación dunha resolución neste sentido no Pleno monográfico sobre mocidade que tivo lugar no Parlamento catalán, cando a formación independentista rexistrou esta proposición de lei, que xa presentara dúas veces en 2016 e unha terceira en 2020, aínda que esta retirouna.

O Congreso terá que decidir se acepta tramitar esta iniciativa que expón modificar catro artigos da Lei Electoral para rebaixar a idade de voto aos 16 anos, recoller ese axuste no censo e fixar tamén ese mínimo para poder formar parte dunha mesa electoral.

No seu texto, recollido por Europa Press, ERC menciona unha resolución do 2011 na que o Consello de Europa apostaba por esa rebaixa e avisaba que "a evolución demográfica en Europa podería levar á crecente marxinación da mocidade no proceso político", correndo o risco de que este acabe sendo "dominado por cuestións principalmente de interese para persoas de maior idade".

Esquerra sinala tamén que entidades como o Foro Europeo da Mocidade, o Consello da Mocidade do Estado español e o Consell Nacional do a Joventut de Catalunya apoian que se poida votar unha vez cumpridos os 16 anos.

Debate noutros países

ERC lembra que a partir desa idade xa é obrigatorio pagar impostos, pódese traballar, dar consentimento para tratamentos médicos ou casar. Tamén apunta que Austria foi en 2007 o primeiro país membro da UE que permitiu o voto aos 16 anos, e que outros integrantes están a debatelo

Ademais, este dereito xa rexe noutros países do mundo como o Brasil, Ecuador, Hungría, Eslovenia, Noruega, Arxentina, algúns Estados de Alemaña e o cantón suízo de Glaris.

Actualmente, o Congreso ten creada unha subcomisión para estudar posíbeis cambios do réxime electoral, pero de momento centrouse na derrogación do voto rogado que se esixe aos residentes no estranxeiro.

Más País-Equo aproveitou esa reforma legal para presentar unha emenda coa rebaixa da idade penal, pero os grupos maioritarios descartárona remitíndose aos traballos da subcomisión de estudo.