David Chipperfield, Pritzker de arquitectura 2023: "Non podemos construír sen ter en conta o medio ambiente e a comunidade"

Fotografía do arquitecto británico, David Chipperfield. (Foto: Universidade de Santiago de Compostela).
David Chipperfield ofreceu en Compostela unha rolda de prensa na que tratou diversos temas como o progreso e a arquitectura na Galiza.

O recentemente proclamado Premio Pritzker (coñecido como o Nobel da arquitectura), David Chipperfield, fixo un chamamento esta cuarta feira en Compostela a "cambiar" a forma de entender a arquitectura. O británico puxo o foco nos espazos sociais e fixo especial fincapé na idea de que se debe ter en conta a comunidade e o medio ambiente á hora de construír edificios. 

O arquitecto ofreceu unha rolda de prensa acompañado de Jorge Mira, responsábel do programa 'Conciencia' que, ao amparo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acolle estancias de Premios Nobel ou os seus análogos noutros campos como as matemáticas ou a arquitectura. É o caso de Chipperfield, que este ano recibía o máximo galardón a nivel mundial no seu campo, "unha grande honra e unha gran sorpresa", aínda que "quizais algo exaxerado comparalo co Nobel", afirmou o arquitecto.

Preguntado pola súa valoración urbanística da Galiza, terra que "tan ben coñece", destacou que o valor do noso país é "universalmente coñecido, a beleza das paisaxes e tamén a forma en que a paisaxe é produtiva". "Mais creo que todos compartimos esa ansiedade sobre como a construción dos edificios ou das infraestruturas nas últimas décadas non foi, digamos, o máis sensato respecto aos valores da paisaxe", matizou Chipperfield. 

"Mais creo que todos compartimos esa ansiedade sobre como a construción dos edificios ou das infraestruturas nas últimas décadas non foi, digamos, o máis sensato respecto aos valores da paisaxe", matizou Chipperfield. 

Con todo, sinalou que non é un mal único da Galiza. "Todos os países sufriron esto nos últimos anos, coa escalada do desenvolvemento e a construción. E a Galiza non é indiferente ao resto de lugares, mais quizais o contraste destas construcións respecto á beleza da paisaxe, resulta máis impactante, máis incómodo", recoñeceu.

Nesta liña, Chipperfield reflexionou sobre o progreso e como se entende actualmente. "É interesante. Nos últimos 40 anos foi difícil cuestionar o progreso. Cando constrúes unha rúa, eso é progreso. É difícil estar en contra disto. Mais agora, por primeira vez na miña vida, estou a empezar a cuestionarme a autoridade do progreso".

"Estamos nun momento moi interesante no que podemos cuestionar o progreso. E neste aspecto, a Galiza quizais non está tan atrás. Quizais poidamos ensinar algo. Se preguntamos se na Galiza a calidade de vida é boa, gran parte da xente diría que si. Como é iso posíbel se a economía non é tan potente? Os anglosaxóns estamos obsesionados con que a felicidade dáa o diñeiro e o consumismo. Quizais a actitude dos galegos, máis interesados nos aspectos máis cotiáns da vida, teña algo que ensinarnos", considerou.

Na Galiza hai talento, mais non oportunidades

Por outra parte, Chipperfield subliñou o "enorme" talento existente entre os arquitectos galegos, aínda que "sen moitas oportunidades". "É difícil ser arquitecto en calquera sitio. Temos dúas opcións: traballar en investimento privado e outra [opción] de [traballar en] obras públicas. Na Galiza, ningún destes sectores é fácil para atopar traballo", lamentou.

Para loitar contra iso, apuntou, traballa tamén co Colexio de Arquitectos da Galiza, en "cambiar a cultura". "Fortalecer a cultura da arquitectura, non só en defender as obras de arquitectos, senón os procesos, a planificación, a contratación e a execución de todos os contratos".

Para Chipperfield, este cambio de paradigma en arquitectura ten que reforzar o social e non tanto o físico. "Un pobo, ademais de ser algo físico, é tamén algo social. Así que é un problema ver a arquitectura como unha solución instantánea, que constrúes un museo ou un centro cultural e xa cambia todo", afondou. Para el, a arquitectura debe "fortalecer un tecido social, a actividade dunha comunidade". E como exemplo "perfecto", puxo a Praza de Abastos de Compostela, onde a "fantástica estrutura" da arquitectura alberga e impulsa a actividade social e comercial.