Daniela Ferrández, historiadora e activista trans: "As conquistas sociais non se manteñen por si mesmas"

Ferrández é membro do grupo de investigación Histagra, da USC.
Tras defender unha tese sobre clientelismo político, Daniela Ferrández (Almoradí, 1988) cambiou a súa liña de investigación para conxugar historia e activismo trans. 'A defunción dos sexos' (Xerais) é o resultado desa muda, un libro no que saca á luz "as disidentes sexuais que nos precederon para axudar a destapar as xenealoxías do colectivo do que fago parte".

—Esta obra detense no pasado da disidencia sexual na Galiza. Existiu sempre?

O ser humano é unha especie diversa en materia de sexualidade. O que mudou ao longo da historia e das culturas é o xeito no que esa diversidade foi socialmente construída. A norma sexual binaria tal e como a coñecemos, e segundo Tomas Laqueur, existe dende hai polo menos 300 anos. Nese período, no que a diversidade é totalmente apagada, é cando a chamamos disidencia sexual, unha disidencia que podemos tentar rastrear en determinados espazos e contextos pois, malia que silenciada, deixou pegada nas fontes.

—As etiquetas gai, lesbiana, bisexual ou trans que hoxe se usan serven para nomear a diversidade sexual ao longo da historia?
Poden servir e por iso hai moitas autoras que as empregan. Con todo, eu optei por empregar o concepto de disidencia sexual porque me parece máis amplo. Un disidente é "quen se afasta dunha doutrina", neste caso, da norma sexual dominante nos períodos investigados. Nese senso, penso que as persoas que hoxe nos identificamos como LGBT+ estamos ligadas a aquelas que no pasado cuestionaron esa norma e abriron un camiño polo que hoxe transitamos. Por iso, para recoñecelas non é preciso poñer as nosas memorias a competir para ver quen era trans, lésbica ou bisexual, posto que todas as disidentes sexuais fan parte das nosas xenealoxías.

—Quen foron as disidentes sexuais precursoras na Galiza?
Ao longo da nosa historia as disidentes sexuais aparecen reflectidas de xeitos moi diversos. Houbo persoas que tentaron vivir a súa vida no sexo oposto asignado ao nacer. Houbo outras que non foron quen de conseguilo, que procuraban o seu benestar en ocasiones puntuais, sempre coidadosas de non ser descubertas. Houbo estudos que utilizaron de obxecto a persoas intersexuais, houbo homes que amaron a homes e mulleres que amaron a mulleres. É difícil adscribir as disidentes sexuais a un lugar concreto, pois case todas partillan o tránsito ao mudar de aldea, de vila, de cidade. Van para fóra da Galiza, ven xente de fóra. Porén, todas deixaron pegada. O facto de ocupar ou aparecer no espazo público cuestionaba a norma sexual imperante que dicía que non existían.

A historia non é lineal e o pasado non foi necesariamente nin mellor nin peor. Os retrocesos ou as mudanzas poden estar á volta da esquina

—E deu pé a mostras de tolerancia e represión.
A historia da disidencia sexual foi un camiño de idas e voltas. Houbo contextos e espazos onde a diversidade non foi perseguida nin denunciada. Na Galiza podemos procurar isto nunha festa de Entroido de 1908, na actuación dun transformista do ano 1923 ou nun xardineiro da Coruña de 1943 multado por non denunciar homosexuais. O grado de represión tamén cambiou. As consecuencias de que dous homes mantivesen unha relación non eran as mesmas en 1929 que en 1949 ou en 1969. Dependendo da data podían variar entre unha noite no calabozo, unha multa ou un ano de cadea. Isto o que nos ensina é que a historia non é lineal, e que o pasado non foi necesariamente nin mellor nin peor. Por iso, malia que hoxe vivimos nun momento de gran liberdade os retrocesos ou as mudanzas, para ben ou para mal, poden estar á volta da esquina.

—A memoria é chave na  loita polos dereitos colectivos.
As reaccións contra os nosos dereitos e a violencia están á espreita. As conquistas non se manteñen por si mesmas. Somos as persoas que habitamos o presente as que temos a capacidade de revertelas ou amplialas. Actualmente o colectivo LGBT+ non acadou a igualdade, pois a discriminación persiste en moitos ámbitos das nosas vidas e cébase especialmente co colectivo trans do que son parte. Garantir o conquistado pasa por seguir avanzando sen deixar a ninguén atrás.

— En que momento a disidencia sexual na Galiza gaña conciencia de seu e se reivindica como colectivo?
Se falamos do momento exacto, a primeira publicación por parte dun colectivo galego do seu ideario e reivindicacións ten lugar en agosto de 1977 na revista El Pope, cando a Fronte de Liberación Homosexual Galega (FLHG) tenta presentarse en sociedade. Con todo, que isto acontecese nesta altura non era casual. Por unha banda, desde os sucesos de Stonewall de 1969 estes movementos estaban a organizarse en distintas partes de Europa e América Latina. Nese senso é no contexto da Transición cando toman forza moitos destes grupos no Estado español, cunha loita estreitamente ligada á mudanza política.

A Fronte de Liberación Homosexual Galega escolleu o galego o galego como linguaxe de comunicación e centrando as súas reivindicacións no país

A Galiza, que xeralmente non é nomeada nunha óptica estatal, participou deste proceso dende os primeiros momentos coa FLHG enmarcándose na Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español, organizando algunhas das xuntanzas, empregando o galego como linguaxe de comunicación e centrando as súas reivindicacións no país.

— Cal foi a contribución do movemento feminista e dos colectivos locais?
A articulación de colectivos que loitaban expresamente pola liberación homosexual deu as súas voltas. En primeiro lugar xorde o FLHG, coa Lei de Perigosidade Social aínda vixente (un texto que criminalizou o ser homosexual até xaneiro de 1979). Foron un pequeno grupo a nivel de país que realizou un traballo principalmente comunicativo, dando visibilidade a cuestións agochadas nas décadas anteriores. Foi, con todo, entre 1980 e 1981 cando comezan xurdir colectivos en cidades específicas como Vigo, Compostela e A Coruña. Agrúpanse na Coordinadora de Colectivos Gais de Galiza (CCGG) e convocan as primeiras mobilizacións, entre as que destaca a manifestación do Orgullo en Vigo, en 1981, un fito na nosa historia.

A historia dos movementos de disidencia sexual na Galiza non pode ser comprendida sen o movemento feminista

Entre 1981 e 1982 desaparecen e non volvemos atopar colectivos específicos até finais da década. É nese tempo cando os feminismos actúan de punta de lanza da visibilidade da disidencia sexual, principalmente das lesbianas. Hai que dicir que o movemento feminista xa tiña inspirado a creación dalgúns destes colectivos como a Coordinadora, e tiña participado activamente en mobilizacións como a manifestación de 1981, pero foi ao longo da década dos 80 cando acolleu debates moi interesantes sobre a sexualidade a nivel galego e cando, en organizacións como a Asociación Galega da Muller, xurdiron as comisións de lesbianas que abriron o camiño ás que viñeron por tras. Por tanto, podemos dicir que a historia dos movementos de disidencia sexual na Galiza non pode ser comprendida sen o movemento feminista.

— Por que Laura Bugalho merece o seu propio capítulo?
1977 foi o ano no que o FLHG reivindica os dereitos para as persoas "que mudaron de sexo", e tamén o primeiro momento no que un grupo de mulleres trans na Galiza expresa as súas reivindicacións en prensa. Con todo, e como aconteceu noutros lugares como Catalunya, cando os colectivos de liberación homosexual comezan a gañar protagonismo, as reivindicacións trans desaparecen dos seus manifestos, das súas publicacións e das faixas das manifestacións para evitar a má prensa que xeraba. De feito, a crónica da primeira manifestación do Orgullo na Galiza comeza coa frase 'Sin travestismos ni carmines, ni gritos cara a la galería'.

Laura Bugalho é das imprescindíbeis. É un referente a nivel internacional, unha das nais do chamado Transfeminismo e un moi bo exemplo daquelas boas e xenerosas que loitan todo os días

Laura Bugalho é moi importante porque desde finais dos 90 volve poñer o trans na axenda e fai unha tarefa inmensa de visibilidade e de creación de redes de apoio para todas aquelas que se atopaban desligadas e abandonadas tanto polo Estado como polos movementos sociais. Moitas das facilidades que atopamos no país as trans que viñemos por tras debémosllas a ela e á súa loita, que en non poucas ocasións puxo ás demais por diante incluso dela mesma, como amosa o proceso xudicial ao que foi sometida polo seu traballo coas migrantes. Nese senso, Laura é un referente a nivel internacional, unha das nais do chamado Transfeminismo e un moi bo exemplo daquelas boas e xenerosas que loitan todo os días, das imprescindíbeis.

Ernesto Foliers

Para a capa do libro A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza Contemporánea, Daniela Ferrández escolleu unha fotografía de Ernesto Foliers, un transformista cuxos espectáculos consistían na imitación de mulleres famosas.

Foliers trastocou para moitos as fronteiras entre os sexos

"Éunha persoa que, se ben non era galega, deixou moita pegada no país, pois medrou profesionalmente nel, escolléndoo como un dos lugares predilectos nos que realizar os seus espectáculos". Segundo explica a historiadora, é unha persoa que representa, ademais, "un punto e aparte no feito de que houbese homes vestidos de muller nos escenarios pois as súas representacións tiñan por obxectivo que o espectador non soubese se o que tiña diante era realmente un home ou unha muller".

Iso, di, xerou moitos debates, "trastocou para moitos as fronteiras entre os sexos, chegando incluso a ser acusado de ser en realidade unha muller que vivía de home após cando subía aos escenarios".