A exposición 'Sen cancelas' visibiliza en Compostela un século de loita pola diversidade sexual

A mostra está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Xunta, e poderá visitarse até o vindeiro 30 de xuño no IES Rosalía de Castro da capital galega, así como na web do Consello. Posteriormente viaxará por centros de ensino de todo o país.
A mostra 'Sen cancelas. Memorias do arco da vella na Galiza' poderá visitarse até o 30 de xuño. (Foto: Consello da Cultura Galega)
photo_camera A mostra 'Sen cancelas. Memorias do arco da vella na Galiza' poderá visitarse até o 30 de xuño. (Foto: Consello da Cultura Galega)

O IES Rosalía de Castro de Compostela acolle, desde esta segunda feira até o vindeiro 30 de xuño, a mostra 'Sen cancelas. Memorias do arco da vella na Galiza', organizada polo Consello da Cultura Galega e mais a Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta.

A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, e a conselleira, María Jesús Lorenzana, inauguraron na mañá desta segunda feira este proxecto "pensado principalmente para a mocidade" e que percorrerá varios centros de ensino de todo o país.

A exposición tamén pode consultarse durante este tempo na rede a través do sitio web do Consello. A coordinadora do comité asesor que deseñou os contidos é Carme Adán, e son persoas comisarias da mostra Daniela Ferrández e Enrique Latorre.

"Pretendemos visibilizar de maneira clara a normalidade da diversidade" apuntou Rosario Álvarez, ao tempo que puntualizou que "cando nos movemos no ámbito das identidades isto tamén é cultura". Pola súa parte, a conselleira Lorenzana subliñou que é preciso "avanzar en concienciar a poboación".

Aliás, Carme Adán precisou que o título desta mostra foi moi pensado "porque non hai identidade e igualdade se non hai liberdade". O obxectivo final, dixo, é "espallar a idea de que a diversidade está presente no ser humano e estivo presente sempre, nas diferentes culturas, e que estará sempre. Non é unha cuestión das persoas diversas, senón unha cuestión que afecta toda a cidadanía".

A exposición consta de oito paneis e ofrece un percorrido ppola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Están presentes a historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz, pasando por Laura Bugalho e Eduardo Blanco Amor, entre outras que se poderán descubrir nesta mostra.

'Sen cancelas' ofrece tamén un relato sobre a diversidade sexual que arrinca en 1920 e chega até os días presentes. "Amosamos que existiron, como foi un relato de ida e volta, no que houbo liberdade e represión" explicou a comisaria Daniela Ferrández.

"Traballamos nos dereitos e pretendemos dar a idea de que eses dereitos non sempre existiron e facer partícipes a esas persoas. E que esas loitas, e esas conquistas, foron gañadas para todos, e que debemos de gardar e ampliar", abundou.

Comentarios