Un curso sen titor: estala a loita no CEIP O Grupo de Ribeira contra os recortes de Educación
Inspección Educativa comunicoulle á dirección do centro que non se cubriría a praza de titor ou titora de 3ºB de Primaria. O que debería ser un trámite automático transformouse nun problema de "enorme gravidade", que deixa sen referente educativo estábel un grupo de nenas e nenos durante todo o curso.
A comunidade escolar do CEIP O Grupo de Ribeira (O Barbanza) vive unha situación "insólita" e "crítica". A sexta feira, 5 de setembro, a última hora, a Inspección Educativa comunicoulle á dirección do centro que non se cubriría a praza de titor ou titora de 3ºB de Primaria, malia que a mestra titular xa tiña concedida unha comisión de servizo desde xuño. O que debería ser un trámite automático transformouse nun problema de "enorme gravidade", que deixa sen referente educativo estábel un grupo de nenas e nenos durante todo o curso.
Segundo a solución imposta pola administración, o alumnado de 3ºB pasará a estar "co-titorizado", compartindo titor con 3ºA, e recibirá clases das materias que resten a través das horas de garda do profesorado dispoñíbel. En termos prácticos, isto implica que cada día e cada hora este alumnado terá diante un mestre ou mestra distinto, unha situación "única en toda a provincia", denuncian as familias, que a consideran un atentado directo contra a calidade do ensino.
As consecuencias desta medida, engaden, non se limitan a 3ºB: o resto do alumnado do centro tamén se verá afectado, xa que o profesorado non poderá empregar as súas horas de garda en funcións de apoio, reforzo ou substitucións puntuais, senón en cubrir as clases desta aula. A ANPA fala dun "efecto dominó" que desorganiza o funcionamento interno do CEIP O Grupo e mina a atención educativa global.
A gravidade da situación levou ao equipo directivo a presentar a súa dimisión en bloque, quedando o centro sen dirección formal en pleno inicio de curso. "Non se pode xestionar un colexio nestas condicións", aseguran as familias, que convocaron unha concentración urxente a pasada segunda feira, coincidindo co recreo, diante da porta principal do centro.
Caceroladas diarias
Se a situación non se resolve, a ANPA anuncia un calendario de mobilizacións crecente. A partir desta mesma cuarta feira, realizaranse caceroladas diarias de protesta, de 9 a 9.30 horas, na entrada principal da rúa Miguel Rodríguez Bautista. É un chamamento expreso a nais, pais, avoas, avós, alumnado, veciñanza e a toda a cidadanía de Ribeira a sumarse ás protestas cun lema claro: “Xunta, escoita, O Grupo está en loita”.
"Pedímosvos que traiades potas, tixolas, cazos e todo o que faga ruído", sinalan, co obxectivo de que a súa denuncia resoe e chegue ás instancias responsábeis.
Un colexio con múltiples carencias
O conflito polo titor de 3ºB destapou tamén outras eivas estruturais no CEIP O Grupo, que a ANPA leva tempo reclamando: falta de profesorado de apoio e especialistas NEAE, ausencia de coidadores, carencia de persoal para desdobres, un ascensor no edificio de Infantil que segue sen funcionar e a inexistencia de espazos específicos para materias como música, informática, laboratorio ou usos múltiples.
A ANPA asegura que enviará un escrito ao Xefe Territorial e á inspectora exixindo a inmediata cobertura da praza. "Non pararemos até que se nomee un titor ou titora para este grupo", insisten, lembrando que se trata dunha cuestión básica de dereito á educación.
Chamamento amplo
As familias piden tamén o apoio do conxunto da corporación municipal, das ANPAS doutros centros do municipio e dos medios de comunicación. "A educación é cousa de todos e todas, non de cores políticas", remarcan.
A mobilización, conclúen, non é só pola aula de 3ºB: "É pola defensa da escola pública e da calidade do ensino en Ribeira. O que está en xogo é o futuro do noso alumnado e non imos calar".

