VÍDEO | Cúmprense os peores presaxios: as eólicas dinamitan o Acibal, un monte cheo de petróglifos e pedras históricas

Momento da explosión no monte do Acibal (Foto: Amil sen Eólicos).
Este xornal xa alertara da posibilidade de que se dinamitase parte do monte no mes de xuño tras coñecerse que varios camións subiran ao monte con explosivos, o paso previo á construción dos parques eólicos que se pretenden instalar e que, segundo indican desde Amil sen Eólicos, destruirían os elementos patrimoniais que alí se encontran.

Día triste. Así definen desde a plataforma Amil sen Eólicos o acontecido no monte do Acibal, en Moraña (Comarca de Caldas). Unha parte deste monte coñecido pola súa riqueza arqueolóxica xa que nel se encontran máis de medio centenar de petróglifos e pedras singulares, foi dinamitada.

Este xornal xa alertara desta posibilidade no mes de xuño tras coñecerse que varios camións subían ao monte con explosivos, o paso previo á construción dos parques eólicos que se pretenden construír e que, segundo indican desde Amil sen Eólicos destruirían os exemplos de patrimonio que alí se encontran.

Os peores presaxios das persoas que conforman a plataforma fixéronse realidade, algo que os indigna especialmente xa que, segundo aseveran, desde a patronal eólica galega lles aseguraron “que non había ningún parque en construción nesa zona”.

"autoriza a Xunta da Galiza e permíteno Patrimonio e o Concello de Moraña", lamentan desde a plataforma.

Seguen na loita

“Eles terán os cartos pero nós temos a razón”, manifestan desde Amil sen Eólicos ao tempo que confirman que “seguiremos na loita”.

No mes de maio, a plataforma presentou unha denuncia formal diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra para pór en coñecemento da Xustiza a "grave situación" que, entenden, padece o monte Acibal.

Advirte a entidade que o descubrimento casual dun primeiro petróglifo o pasado 19 de marzo por parte da veciñanza durante unha andaina "revelou a insuficiencia da avaliación do impacto do proxecto eólico sobre o patrimonio cultural existente na área".

Unha avaliación que, denuncian, non tivo lugar após transcender as intencións de dinamitar parte do monte por parte das promotoras eólicas como finalmente aconteceu.