A CRTVG xustifica na “cortesía” a entrevista en castelán da que presumiu Cayetana Álvarez de Toledo

Marcos Sueiro entrevistando a Cayetana Álvarez de Toledo na CRTVG.

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu esta sexta feira no Parlamento a polémica entrevista realizada en castelán a Cayetana Álvarez de Toledo, deputada do PP en Barcelona, con motivo das eleccións madrileñas. Cualificou a relevancia da popular de “absolutamente indiscutíbel”.

“Que esta entrevista tiña relevancia informativa é absolutamente indiscutíbel”. Así se defendía o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, ante as acusacións de BNG e PSdeG a respecto da entrevista en castelán a Cayetana Álvarez de Toledo o 22 de marzo, no marco da comisión parlamentaria de control da CRTVG.

A deputada do PSdeG Noa Díaz, apuntou, na súa intervención, que a entrevista a Álvarez de Toledo non respondía aos criterios de noticiabilidade, “non nos explicamos o interese público, e menos nunha cuestión como eran as eleccións da Comunidade de Madrid, dado que a entrevistada é deputada do PP por Barcelona”.

“A única razón que nós vemos é desde logo puramente ideolóxica e partidista, no marco da deriva de converter a CRTVG nunha ferramenta ao servizo do PP”, acrecentou a socialista, que entendeu que a entrevista tivera lugar “por orde directa” de “altos mandos do PP galego que gostan de confrontar co líder estatal do PP”.

Lembrou, ao respecto, que Cayetana Álvarez de Toledo fora destituída por Pablo Casado como portavoz do partido polas súas posturas “próximas a Vox”. Engadiu que a entrevista tiña a vez con “prepararlle o relevo en Madrid” a Pablo Casado e “facerlle oco a Feixoo”.

A parlamentaria do BNG María G. Albert, na liña da deputada socialista, explicou que Cayetana Álvarez de Toledo non ostenta ningún cargo orgánico.

O director da CRTVG contextualizou a conversa coa popular na serie de entrevistas retransmitidas pola TVG en relación ás eleccións catalás, e que a entrevistada é “unha personaxe representativa”. “Por motivos de axenda fóra adiada, e encaixaba perfectamente facer a entrevista pendente”, xustificou Sánchez Izquierdo.

O argumento do xefe dos medios públicos galegos foi desmontado pola oposición, que recorreu ao contido da propia entrevista, centrada en Madrid e non nas eleccións catalás, até o punto de facerse eco do titular elixido pola CRTVG na súa páxina web foi "Madrid pode ser a primeira volta para derrotar un proxecto político que busca a erosión do común". O presentador, un responsábel da redacción da TVG, Marcos Sueiro, nin sequera preguntou polo resultado electoral en Catalunya, apuntaron BNG e PSdeG.

De Toledo concluíra a conversa enxalzando "o talento político de Feixoo", lembrou Díaz.

En castelán "por cortesía"

Ademais, ante as peticións de explicación por parte da oposición, o xefe da CRTVG xustificou que a entrevista se desenvolvese en español e non en galego. “Entrevistouse en castelán porque así o pediu e porque dixo non entender o noso idioma. É unha pura cuestión de cortesía”, expuxo.

Na mesma liña, Sánchez Izquierdo engadiu “todo o mundo entende aceptar este tipo de formulación” e comparou a situación coa de “deputados e deputadas galegas en medios non galegos cando se expresan en castelán, así de sinxelo”. “No resto de canles con lingua propia, se calquera entrevistado pide que se expresen en lingua común, faise”, concluíu.

A nacionalista María G. Albert cualificou a escolla do castelán como "un chanzo máis na carreira sen fin do deterioramento irreversíbel da CRTVG e do deterioramento lingüístico, que cualitativamente é escandaloso e que está cada vez máis presente".

A deputada do BNG, que criticou a Dirección dos medios públicos por apenas dedicar minutos nos informativos aos plenos do Parlamento galego, lembroulle a Sánchez Izquierdo que Cayetana Álvarez de Toledo "vanagloriouse" nas redes sociais de que tivese a capacidade de que a TVG fixera a entrevista en español. "Presumiu de que podía determinar a lingua en que a entrevistasen e iso é gravísimo", engadiu.

A socialista Noa Díaz insistiu en que foi a entrevistada "en ningún momento asegurou que prefería que fose en castelán porque non o entendía, senón por ser a lingua común de todos os españois". "Usou a lingua como arma ideolóxico, argumento que lle comprou Marcos Sueiro", afirmou.