Polémica en Celanova: o mosteiro virará nun mercado de Nadal

Cartel pendurado na entrada ao claustro do mosteiro de Celanova. (Foto: Nós Diario)
O edificio acollerá un mercado de Nadal o vindeiro mes de decembro.

O BNG de Celanova denunciou este domingo o “desleixo” e “abandono” ao que ten sometido o Goberno local o mosteiro de San Salvador, construído no século X e considerado como un dos grandes expoñentes arquitectónicos da comarca da Terra de Celanova.

En concreto, os nacionalistas lamentan que o claustro do mosteiro sexa o lugar escollido para que decorra os vindeiros 6, 7 e 8 de decembro un mercado de Nadal e unha Feira Internacional de Antigüidades.

Seguramente hai un sitio máis discreto e mesmo un deseño máis discreto para colocar este cartel que na entrada do Claustro do Mosteiro de Celanova”, manifestou o BNG de Celanova nas súas redes sociais, acompañando a denuncia cunha foto na que se ve o mencionado cartel de promoción do mercado de Nadal na parte superior da entrada ao recinto.

 Aliás, a formación municipal tamén asegura que “hai un par de equipamentos máis apropiados que o Claustro do Mosteiro, unha das grandes xoias do patrimonio monumental da vila, no que celebrar este tipo de eventos”.

Novo desleixo ao patrimonio

As críticas do BNG de Celanova chegan despois de que noutro concello, neste caso Betanzos, os nacionalistas denunciasen a comezos de outubro que o Goberno local permitise unha competición de escalada  na Torre do Reloxo, un monumento do século XVI declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Neste sentido, o Bloque afirmou que “a práctica deportiva non pode pórse por diante da conservación do patrimonio de todas as betanceiras” e, ao igual que colectivos pola defensa do patrimonio, mostrou a súa preocupación polos posíbeis danos que os participantes na proba de escalada puideron provocar na estrutura da torre.

A portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, esgrimiu que “o patrimonio é o que fai único a Betanzos, é a locomotora que ten que tirar do desenvolvemento do municipio e este tipo de comportamentos van en contra deste elemento estratéxico”.

O Goberno local de Betanzos tamén foi protagonista despois de estrear unha placa conmemorativa polo bicentenario de Antolín Faraldo que presentaba varias grallas na escrita e que mesmo situaba o nacemento do político 69 anos despois da súa morte. Uns erros que evidenciaron que o Concello non desenvolvera de maneira correcta o seu labor de promoción cultural.