Preitos xudiciais e "sinalamentos públicos" aos colectivos na defensa do mosteiro de San Pedro de Rocas

Concentración en defensa de San Pedro de Rocas ante a Deputación de Ourense en marzo deste ano. (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Desde a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra lamentan que a xustiza "permite facer aos poderosos e aos veciños vixíaos con lupa".

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra informou no día de onte da denuncia interposta ante a xustiza contra o presidente da Fundación San Pedro de Rocas, no concello de Esgos. Este pasou a disposición xudicial por intentar evitar as obras na contorna de acceso ao mosteiro, un proxecto impulsado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

A federación lembra que, "malia a investigación aberta pola xustiza e agora pola policía autonómica sobre esta intervención promovida pola Deputación de Ourense, as máquinas destruíron muros históricos e árbores centenarias".

Os colectivos na defensa do mosteiro critican que se trata dun "manifesto atentado patrimonial" que "xa non ten volta atrás", e pregúntanse "que tipo de protección existe para os elementos catalogados como BIC na Ribeira Sacra ante unha actuación que atenta de maneira directa, evidente e notoria contra o patrimonio histórico xusto no berce mesmo da Ribeira Sacra".

Lamentan que, aínda que a fiscalía deixou libre sen cargos o presidente da Fundación, "estas formas de presión constante, de chantaxe e sinalamento público por defender o patrimonio evidencian até que punto vivimos nun mundo patas arriba: quen defende o patrimonio é citado no xulgado e quen o destrúe conta coa permisividade do poder".

Razóns "absurdas" para as obras

Segundo a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, as razóns esgrimidas pola Deputación de Ourense para desenvolver as obras, centradas na seguridade viaria, son "absurdas", xa que "nesta estrada non se rexistran accidentes ningún na Dirección Xeral de Tráfico (DXT)".

Pola contra, asegura que o único que motiva Baltar a seguir adiante con estas obras é promover "un turismo non respectuoso co lugar, invasor e masivo:", e pon de exemplo que "a escasos 10 metros da igrexa entran autobuses de gran porte".

Neste sentido, dubidan da protección outorgada pola declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) na Ribeira Sacra, porque "uns poden facer o que queren e os que habitamos o territorio padecemos a máis estrita lexislación", e denuncian que que a xustiza "permite facer aos poderosos e aos veciños vixíaos con lupa".

"Observamos como acotío existen actuacións de grandes dimensións que son permitidas polas Administración, como sucede en San Pedro de Rocas ou en zonas de Rede Natura en que se producen grandes talas de bosque ribeirao", lamentan.