Crean en Lugo unha plataforma por unha “convivencia ética” co xabarín

“O achegamento puntual de xabarís e doutra fauna silvestre á cidade de Lugo non debe entenderse ou presentarse como un feito inusual, xa que entra dentro dos parámetros de normalidade dunha cidade cun carácter e cunha contorna profundamente rural”, explican.

A presenza puntual de fauna silvestre, como o xabarín, na cidade de Lugo non debe ser motivo de alarma, entre dentro da “normalidade” cunha contorna rural. Así se explican desde a recen constituída Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre, que poñen en andamento diversos colectivos (Adega, Anonymous For The Voiceless, EQUO Galicia e Lugo Animal Save ) e cidadáns a título particular.

 

Recoñecen a súa preocupación pola resposta que desde as administracións se poda da a esta presenza destes animais na cidade. “As alarmantes e confusas novas na prensa sobre as intencións da Xunta e do Concello de Lugo, xunto coa Federación Provincial de Caza de Lugo, de tomar medidas de control, entre as que se barallan as batidas nocturnas” levaron á creación deste colectivo.

 

A respecto das noticias que apontan a un aumento de accidentes de tráfico na contorna da cidade por mor dos xabarís, lembran que  non se ofrecen datos fiables que sosteñan esta tese, nin estudos que avalen o incremento de desprazamentos da especie na periferia de Lugo.

 

A Plataforma pide, así que se promovan estudos científicos sobre este fenómeno, que se prioricen medidas non cruentas de xestión deste tipo de fauna, ou que se incida na concienciación social.