Covid: As vítimas na Galiza xa superan as 1.300 desde marzo

Sanitarias practican un cribado a posíbeis contaxiados. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade notificou esta noite dez pasamentos, que se suman aos seis de onte e a aos seis rexistrados na cuarta feira.

As autoridades sanitarias notificaron esta sexta feira o falecemento de dez persoas (facilitáronse os datos se oito delas) polas complicacións de saúde provocadas polo coronavirus. Con estas novas mortes o número de vítimas xa está en 1.303 desde que en marzo se comunicaran os primeiros pasamentos derivados da pandemia.

Dous dos óbitos de hoxe tiveron lugar na residencia de maiores Vila do Conde, de Gondomar. Alí finaron dúas usuarias de 97 e 82 anos.

Outros tres decesos tamén tiñan vínculos con estas infraestruturas, malia que o número de casos activos estea a baixar. En concreto, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) perdeu a vida un home de 89 anos que fora trasladado desde a Doral de Mos.

Ademais, no Centro Integrado Cegadi os equipos sanitarios non puideron facer nada para salvar a una residente da vivenda comunitaria de Castrelo de Miño. Tiña 94 anos. Por último, a Consellaría de Sanidade tivo coñecemento do morte dunha doente de 97 anos que estaba no centro integrado Boullosa Pardo de Vera e que procedía da CRAPD II de Vigo.

Por outra banda, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) non superaron a enfermidade un varón de 97 anos e unha muller de 65 anos. No centro hospitalario de Ourense faleceu unha paciente de 94 anos. Todas as vítimas presentaban patoloxías previas.

Xornadas previas

No día de onte sumáronse seis vítimas, dous delas (de 97 e 93 anos) tamén na Vila do Conde, de Gondomar. No Hospital Lucus Augusti morreu outro doente de 69 anos que vivía no Asilo de Vilalba. Igualmente decorreron os óbitos de tres infectadas de 93, 89 e 86 anos, todas alleas aos xeriátricos.

Na cuarta feira houbo que lamentar idéntico número de pasamentos. No hospital de Ourense finaron unha muller de 100 anos e un home de 86 que eran usuarios do centro San Antonio de Beariz. As autoridades sanitarias falaron, ademais, de dúas infectadas de 85 e 92 anos da Soremay de Pontevedra. Á marxes destas instalacións, perderon a loita contra a Covid-19 dous varóns de 77 e 88 anos, este último na súa casa das Pontes onde estaba controlado polo servizo de atención domiciliaria.