O surto de coronavirus que se detectou hai uns días na residencia de maiores Vila do Conde, situada no concello de Gondomar, afecta a estas horas a 89 persoas usuarias e a 16 membros do cadro de persoal.
Así o confirmaron fontes da Consellaría de Política Social a Europa Press. No centro aparecera un foco de 22 casos entre as e os residentes e esta estatística xa entrara hoxe no parte facilitado pola Xunta pola mañá, tendo en conta as comunicacións até a terza feira pola noite.
Porén, ao realizarse probas ao resto da comunidade residencial polos vínculos coas doentes, coñeceuse que a magnitude do foco é moito maior do que se pensaba. Xa hai más de 100 enfermas entre residentes e operarias e operarios. En concreto, son 105 os casos activos até estas horas.
Xornada de alivio nos hospitais
A detección deste gran gromo nun xeriátrico de Gondomar contrasta coa información facilitada polas autoridades sanitarias respecto ás vítimas da Covid-19 na Galiza ao longo desta xornada que remata.
En concreto, rexistráronse tres pasamentos o que eleva o total de vítimas desde que comezou a pandemia a 1.173, pero constitúe a cifra de óbitos máis baixa desde hai practicamente un mes.
O primeiro dos falecementos deuse no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde non se puido facer nada para salvar a unha enferma de 76 anos. No centro hospitalario de Ourense perdeu a vida un varón de 94 anos.
No caso do hospital comarcal de Monforte, notificouse que finou unha muller de 85 anos que chegara procedente da residencia DomusVi Monforte.