Covid: Simón avisa de que “non é tan sinxelo” garantir a calidade dos test das farmacias

Fernando Simón, hoxe, na rolda de prensa. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, aproveitou a súa comparecencia pública desta quinta feira para instar á poboación madrileña a actuar con “responsabilidade” malia o levantamento do confinamento por parte da Xustiza.

Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, advertiu esta quinta feira de que os test para detectar o coronavirus que hai nas farmacias poderían fallar. O experto afirmou que “non é tan sinxelo” garantir que estas probas, por exemplo a coñecida xa como dos antíxenos, poidan realizarse con calidade nas oficinas de farmacia.

Simón non pon en dúbida a profesionalidade das e dos farmacéuticos, pero despois da petición dun cambio normativo para que se poidan realizar nestes espazos por parte da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, advertiu de que esta tramitación non é fácil.

“Sobre este asunto hai aspectos legais nos que interveñen moitos actores e non só as farmacias e o Estado”, comentou.

Ao seu parecer “facer un test nun escenario de pandemia non é un acto individual, senón de responsabilidade de saúde pública polo que debe estar ben coordinado e estabelecido”. Neste sentido, incidiu en que as mostras deben tomarse dunha forma determinada para garantir que a proba se fixo con calidade e que, en consecuencia, o resultado é correcto.

Nin sequera as e os profesionais experimentados nestas técnicas teñen cero erros, comentou pero aclarou que non está “nin a favor nin en contra” de que os exames sanitarios do virus cheguen ás farmacias.

“Hai moitos aspectos que hai que discutir, pero o que está claro é que non é unha decisión banal que se poida tomar en dous días”, subliñou.

Advertencia á veciñanza

Por outra parte, após coñecer a decisión xudicial que levanta o confinamento que o Ministerio de Sanidade impuxera sobre a rexión, Simón chamou á “responsabilidade” da veciñanza.

Pediu que se comportaran con precaución para evitar a transmisión do coronavirus.

Malia que “a evolución indica que as cousas poden estar estabilizándose”, mantén que hai que seguir coas medidas para conseguir unha incidencia moito menor. É dicir, polo menos por debaixo dos 100 ou 50 casos por cada 100.000 habitantes.