A Policía continúa nas rúas de Madrid malia a retirada dos controis de mobilidade

Após do pronunciamento da Xustiza comunicado esta quinta feira, as forzas de seguridade agardan unha resolución do Ministerio de Sanidade e a Comunidade de Madrid. Representantes das dúas institucións reuniránse no marco do Grupo Covid-19.
EuropaPress_3362284_dos_agentes_policia_nacional_control_policial_calle_mostoles_madrid_espana
photo_camera Dous axentes nunha rúa de Madrid esta quinta feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Xustiza tombou o confinamento de Madrid imposto polo Ministerio de Sanidade, mais neste terceiro día laboral no que habería restricións os axentes da Policía Nacional continúan a blindar as rúas.

Os controis para comprobar que a mobilidade só se dera por motivos xustificados xa foron retirados das dez cidades da comunidade, pero dado que a situación epidemiolóxica segue a ser preocupante, mantense o control doutras obrigas.

Malia que a Xustiza di que o feche “non contén unha habilitación legal para o estabelecemento de medidas limitativas dos dereitos fundamentais”, non suprimiu a obriga de levar máscaras nin a limitación do número máximo de persoas nun encontro.

Igualmente, seguen activas as prohibicións ao respecto dos horarios de distintos estabelecementos.

Dispositivo especial

Os corpos de seguridade -Policía Nacional e Garda Civil- tiñan planificado un amplo dispositivo para garantir as restricións ás entradas e saídas na rexión para a ponte do Pilar. No entanto, despois da resolución xudicial, agardan instrucións.

Estas deberían saír da reunión do Grupo Covid-19, convocada de urxencia polo ministro de Sanidade Salvador Illa, no que a Administración do Estado español e o Goberno autonómico de Isabel Díaz Ayuso volverán a verse as caras nun clima de tensión.

Até o cambio de situación comunicado esta quinta feira, as e os axentes levaban feitas 11.785 identificacións e pararan a 5.978 vehículos en máis de 1.628 controis.

Comentarios