Covid: No mínimo 23 residencias perderon máis de dez usuarias pola pandemia

Vista da residencia Santa Teresa Jornet da Coruña desde o seu entorno. (Foto: Nós Diario)
Por volta dun dun cento de centros deste tipo perderon parte da súa comunidade de maiores desde marzo de 2020. Así se extrae dos datos que se foron facilitando a diario polas autoridades sanitarias. A nivel xeral, houbo máis vítimas entre os homes que entre as mulleres.

Cos datos facilitados até o momento, e tendo en conta que houbo xente da que as autoridades sanitarias non achegou datos como a idade, faleceron case 600 persoas de 85 anos ou máis desde que comezou a pandemia. Do total de 1.414 vítimas, 581 tiñan relación con centros de maiores.

Con todas as polémicas que se destaparon arredor das residencias de maiores por mor do coronavirus, as dúbidas sobre a xestión axeitada dos recursos, a falta de persoal, o baile de cifras e o oscurantismo da Xunta ao fornecer balances concretos, a saída de datos globais de falecementos e as denuncias das familias é practicamente imposíbel dispor de datos 100% concretos sobre as vítimas que o virus causou nestas infraestruturas.

No entanto, desde que comezou a pandemia Galiza perdeu polo menos a 1.414 dos seus habitantes segundo os datos oficiais e uns 581 eran usuarios e usuarias dos xeriátricos (a última finada foi unha residente de Santa Teresa de Jornet de 93 anos). Máis detrás desas cifras hai persoas, homes e mulleres, dos que non transcenderon nomes nin demasiados datos como pode ser o centro de procedencia.

Con contagotas primeiro, cambios de criterios polo medio e máis estabilidade despois, as autoridades sanitarias forneceron cifras das vítimas que faleceron dentro das propias residencias (244) ou que o fixeron en hospitais pero procedían destas instalacións (336).

Arredor de cen instalacións padeceron algunha perda entre as súas usuarias e usuarios

En concreto, arredor dun cento de instalacións padeceron algunha perda, mais detectouse especial incidencia en instalacións das cadeas DomusVi, a Fundación San Rosendo, as Hermanitas dos Desamparados e Ballesol, por exemplo. Sen ir máis lonxe, no primeiro caso, no que se deron moitas críticas polo posíbel vínculo da Xunta cos responsábeis da empresa, houbo nove residencias con óbitos e no último contabilizáronse tres.

De todos os centros que viviron desde dentro esta pandemia até o de agora, polo menos uns 23 perderon a unha decena ou máis usuarios. Na primeira onda morreron deceas de residentes na DomusVi San Lázaro; na Nosa Señora da Esperanza de Ourense; na DomusVi Cangas e na DomusVi Barreiro de Vigo. Tamén na Nosa Señora de Fátima de Ourense; Santa Teresa Jornet, Claudina Somoza, Portazgo e Concepción Arenal na Coruña.

Desde que se deixou notar a segunda onda -é a espera de se hai unha terceira a pesar de ter comezado a campaña de vacinación- coas estatísticas oficiais na man teñen superado esa contía de perdas en Os Gozos en Pereiro de Aguiar (45); Salvaterra de Miño, con denuncias sobre o trato aos maiores (23); Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (19); Asilo de Vilalba (18); San Antonio de Beariz (15); Soremay en Pontevedra (14) e a CRAPD II de Vigo (14).

Os residentes nos Gozos de Pereiro de Aguiar foron uns dos peor parados até o momento

Nesa mesma listaxe de dor están as residencias Vila do Conde de Gondomar, San Cibrao, Doral de Mos (de onde procedía a persoa máis moza que finou coa Covid-19, un varón de 28 anos), O Incio e e DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, as tres últimas chegando a ser intervidas pola Xunta. Tamén tiveron moitas baixas na Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, na Nosa Señora dos Anxos de Barbadás, na residencia de Vilaboa e na San Salvador de Guntín, como exemplos dunha longa lista. Mesmo houbo algunhas que sumaron pasamentos entre a primeira e a segunda onda como a Moledo de Vigo ou As Fragas, en Pontedeume.

 

Porén hai que ter en conta que o reconto oficial que facilita a Consellaría de Sanidade a diario non se corresponde ao 100% cos datos persoais respecto das residencias que se foron facilitando ao longo destes meses. Ou cando menos iso é o que puido comprobar este diario. Os cambios na forma de comunicar os recontos foron moitos e, de feito, houbo un tempo, no que se optou pola opacidade desde o Goberno galego. Así o denunciaron algúns colectivos no seu momento.

Especial incidencia a partir dos 80 anos

Tamén se soubo, polo menos nesta segunda onda da pandemia, a idade das vítimas da Covid-19. Mentres que na primeira parte da afección do virus antes do verán houbo decesos contabilizados en grupo, sen darlles nin tan sequera sexo ou idade (sobre todo no caso dos xeriátricos), neste segundo tramo si se fixo un maior exercicio de transparencia neste sentido, aínda que moitas familias dubidan da veracidade absoluta dos datos.

Non se pode descartar que vaian aparecendo datos novos tendo en conta que os problemas informáticos xa xogaron malas pasadas á hora de comunicar os rexistros á poboación en tempo e forma. Sen ir máis lonxe, pasou con persoas cuxo óbito estivo relacionado coa residencia Asilo de Vilalba.

En calquera caso, a priori unhas 600 persoas do total de decesos tiñan más de 84 anos, o que supón que só polo virus se perdeu o 0,46% da poboación desa idade que había na Galiza ao comezar o ano 2020.

A priori case 600 persoas do total de decesos tiñan más de 84 anos

No tramo de idade de 80 a 84 anos rexistráronse tamén máis de 200 pasamentos. Ao revisar todos os falecementos compróbanse feitos como que o coronavirus acabou coa vida de 14 persoas centenarias. De 86 anos non superaron a infección 77 doentes, mentres que de 88 finaron 59 e de 87 foron 58.

Tamén houbo vítimas máis novas, até de 28 e mesmo unha embarazada, pero a maioría delas tiñan patoloxías previas segundo a testemuña das autoridades sanitarias. O groso dos óbitos tiveron lugar nos centros hospitalarios de toda Galiza e nos centros de maiores, pois na casa (até o que se ten descuberto) rexistráronse menos dunha vintena de casos.

Máis homes que mulleres

Unha das cuestións quizais máis curiosas é que, malia que algunha xente ten xusto a percepción contraria, o virus levou por diante a moitos máis homes que mulleres. Iso si, a idade non pareceu ser determinante neste caso e houbo tanto homes máis maiores como de menos anos, como no caso das mulleres.

Ao final a presenza de doenzas previas nos pacientes foi o que fixo máis dano na poboación do país por culta da pandemia.

Cambio de modelo

A respecto da realidade actual nas residencias, o presidente da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), Paulino Campos, amósase preocupado porque despois de que a sociedade galega se enfrontara con estes datos e con estatísticas de contaxios moi elevadas aínda predomina o mesmo modelo de xestión.

Neste sentido considera que sería preciso afrontar dúas accións para darlle á volta ao problema: aprobar unha "lei de residencias" porque a Xunta ten competencias para facelo e "intervir todos os centros cun funcionario que vixíe que se cumpren os protocolos" estabelecidos.

"A Xunta ten que aprobar unha lei de residencias porque posúe as competencias", sostén a Federación REDE

Ademais, hoxe representantes da REDE terán unha primeira xuntanza coa Inspección desde que comezou a pandemia para enumerar aquelas denuncias que puxeron antes da Covid-19 e non obtiveron resposta e procurar fórmulas para que os controis sexan constantes e den os seus froitos.

Tamén estarán na Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria para falar da realidade dos espazos e da necesidade de permitir certo contacto coas usuarias e usuarios. De feito, puxeron en marcha un "programa piloto" para que as familias poidan pasar tempo coas residentes que xa deron negativo aos exames do virus na instalación de Ribadumia.

A pesar dos problemas, Campos recoñece un cambio de actitude cara un maior debate na Inspección, na dirección xeral e tamén valora que agora os cribados sexan semanais para facer unha maior protección de grupo nas infraestruturas. Iso si, reprocha ás empresas que se crean "inmunes e impunes" e mesmo continúen a "incumprir as normativas de visitas".