Covid: O Eixo Atlántico advirte a Sanidade da “excepcionalidade” da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

Monçao é outra das vilas lusas que comparte unha vida co sur da Galiza. (Foto: Santiago Amado)

O secretario xeral da institución, Xoán Vázquez Mao, apoia a decisión de facer máis probas PCR aos visitantes estranxeiros, se ben recorda que o sur do país e o norte luso actúan como un “territorio común”.

O Eixo Atlántico remitiu ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, unha carta para pedirlle que o incremento das PCR para visitas do estranxeiro non se teñan en conta no caso da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal pola “excepcionalidade” dos movementos neste territorio.

A medida, segundo o secretario xeral da institución, Xoán Vázquez Mao, tomouse para que se teña en conta este caso en particular no caso de que se demanden PCR a visitantes de fóra do Estado “máis aló de portos e aeroportos”.

Se ben hai un “apoio” á decisión do Ministerio de Sanidade, na misiva explícalle a Illa que “deben terse en conta as circunstancias moi características da fronteira con Portugal, a máis longa e estábel de Europa”.

No caso específico da Galiza e o norte de Portugal, hai un “perfil dun territorio común”, como se pode comprobar polo feito de que cidades como Verín e Chaves ou Cerveira e Tomiño actúen con eurocidades con servizos complementarios malia estar separadas polo Miño.

“Ten moitas máis afinidades cotiás que as que poidan existir, por exemplo, entre Galicia e Levante ou Andalucía”, indica, precisamente, o representante do Eixo.

Neste sentido, fala de movementos constantes por cuestións laborais, mais tamén de "estudantes e investigadores de universidades, executivos e comerciais, e cidadáns do ámbito cultural".

“Vostede mesmo tería ocasión de comprobalo no recente Cumio Ibérico”, escribe na misiva, recordando que tomar o territorio como estranxeiro habería problemas “para o desenvolvemento económico” da eurorrexión.