Covid-19: Estes son os novos síntomas da variante Ómicron

A PCR é a proba máis fiábel para detectar a Covid-19 (Imaxe: Europa Press)

A variante Ómicron de coronavirus continúa, imparábel, a súa expansión, tamén na Galiza, e preocupa ás autoridades sanitarias pola capacidade que ten para se propagar. O aumento dos contaxios permite coñecer mellor esta variante e, en particular, os seus síntomas, que difiren dos da variante Delta.

Descuberta en Sudáfrica no mes de novembro, a variante Ómicron presenta síntomas diferentes aos da cepa orixinal do virus e aos da Delta, que é a maioritaria na Galiza. As persoas expertas advirten de que Ómicron será a predominante nas próximas semanas, dada a súa capacidade de propagación.

A tose aparecería antes da febre no caso de contaminación coa variante Ómicron. Tamén pode producir mocos, unha gran fatiga, rixidez, dor de garganta ou tose intensa se o paciente é sintomático.

O médico surafricano Unben Pillay explicou esta semana na conferencia organizada polo Ministerio de Sanidade do país que é probábel que os soños nocturnos formen parte dos frecuentes síntomas que provoca a variante Ómicron.

"Observamos un forte aumento dos casos nos últimos dez días. Até agora, eran na súa maioría casos moi leves, con pacientes que presentaban síntomas similares á gripe: tose seca, febre, suores nocturnas, dores no corpo", apuntou, en relación á variante.

As suores nocturnas poden formar parte dos síntomas da variante Delta, pero aparecen con moita menos frecuencia.

Un dos cambios máis salientábeis en relación ás variantes anteriores é na perda do olfacto e do gusto. Nas primeiras vagas, dábase até nun 70% das persoas e era un síntoma moi específico da Covid-19 de comparármola con outras infeccións respiratorias. Coa Ómicron, a perda de olfacto e gusto é moi pouco frecuente ou nula.

O vogal da Sociedade Española de Atención Primaria e catedrático de Medicina Preventiva da Universidade de León, unha das persoas expertas na citada variante a nivel estatal, Vicente Martín, pon de manifesto que a meirande parte das persoas contaxiadas coa Ómicron presenta un cadro semellante ao dun catarro ou unha alerxia.

O médico recomenda a calquera persoa cos citados síntomas que pense que ten Covid, se ille e se poña en contacto cos servizos médicos o antes posíbel. Asegura que “non pode ser gripe, porque este virus aínda non apareceu”.

As persoas especialistas destacan que se se ten en conta que a variante é máis contaxiosa, pode haber unha explosión de hospitalizacións por pura estatística.