A OMS considera "moi elevado" o risco global pola variante ómicron

A variante ómicron xa se detectou na Península Ibérica, a onde chegou a través dun xogador surafricano do equipo  Belenenses, de Primeira División portuguesa.

Unha pasaxeira camiña polo aeroporto (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha pasaxeira camiña polo aeroporto (Foto: Europa Press).

O risco que supón globalmente a nova variante ómicron do coronavirus é “moi alto”, segundo advertiu esta segunda feira a Organización Mundial da Saúde (OMS) nun informe sobre esta nova cepa do SARS-CoV-2.

“Tendo en conta as elevadas mutacións da ómicron, con potencial de ser máis resistentes á inmunización e máis contaxiosas, o risco de que a variante se transmita en todo o mundo é alta”, afirma o documento da OMS.

A OMS pide aos seus estados membros que tomen determinadas accións prioritarias, entre elas “acelerar a vacinación canto antes, especialmente entre poboación de risco que siga sen vacinar”

“Pode haber novas vagas de covid-19 con graves consecuencias, dependendo de moitos factores, como o lugar onde esas ondas ocorran”, anticipa o resumo do informe.

“Acelerar a vacinación”

Perante estes riscos, a OMS pide aos seus estados membros que tomen determinadas accións prioritarias, entre elas “acelerar a vacinación canto antes, especialmente entre poboación de risco que siga sen vacinar”.

Tamén solicita a todos os países que aumenten as medidas de vixilancia, que reporten posíbeis casos ou focos asociados coa variante, e que os laboratorios incrementen os traballos de  secuenciación necesarios para analizar a estrutura do coronavirus.

A OMS non recomenda no informe técnico abertamente que prohiban os voos a determinadas rexións, sinalando unicamente que as autoridades estatais “deben usar bases científicas á hora de axustar de forma puntual as medidas ao redor das viaxes internacionais”.

Admite, en todo caso, que por agora os casos de ómicron que se detectaron xa en catro áreas (África, Europa, Oriente Medio e Asia Oriental) están relacionados coas viaxes, aínda que “é de esperar que a principal orixe dos casos vaia cambiando a medida que se vai obtendo máis información”.

Comentarios