A Covid-19 causa outras oito mortes, unha delas a un varón de 59 anos sen patoloxías previas

Colas en Vigo para facer a PCR antes das festas de Nadal. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Após estes últimos decesos relacionados coa pandemia, a Consellaría de Sanidade estima en 2.753 o número de vítimas do coronavirus entre a sociedade galega. A Xunta comunicará esta terza feira novas medidas para intentar reducir os contaxios desta sexta onda.

A Consellaría de Sanidade vén de notificar o falecemento doutras oito galegas e galegos polas complicacións derivadas da Covid-19. Nesta ocasión, alude tamén ao óbito dun home de 59 anos que non tiña patoloxías previas que dificultaran que superara o virus.

En concreto as autoridades sanitarias explican que as mortes decorreron nos últimos cinco días, se ben non se achegaron datos ao respecto con anterioridade.

Dos oito falecementos, seis tiveron lugar na rede sanitaria de Vigo, especialmente no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). O día 23 os equipos sanitarios tiveron que ratificar o óbito dun home de 86 anos que, precisamente, estaba a ser atendido no Álvaro Cunqueiro.

Foi xusto un día despois, o día de Noiteboa, cando perdeu a vida un varón de 59 anos que morreu polo coronavirus que requerira o ingreso malia non ter patoloxías previas que complicaran o seu estado de saúde.

Sanidade declinou aclarar se este paciente estaba ou non vacinado fronte ao virus.

Seis varóns e dúas mulleres

Xa o 25 de decembro finaron un doente de 84 anos en Povisa e outro de 74 anos no Chuvi. Ao longo do domingo tiveron lugar os falecementos doutros dous infectados, neste caso de 90 e 82 anos, que tamén estaban a ser atendidos polo persoal de Povisa e o Álvaro Cunqueiro, respectivamente.

Tamén se notificou unha vítima no hospital de Valdeorras, neste caso unha muller de 94 anos. Xusto esta segunda feira falecía a segunda doente destes días, unha paciente de 81 anos que permanecía no CHOP de Pontevedra.

Agás a vítima de 59 anos, todas as demais tiñan outras patoloxías.

Con estes datos, e en plena escalada dos contaxios e o interese en practicar as probas para acudir ás reunións de Nadal -a Xunta anunciará esta terza feira novas medidas de contención- a pandemia xa causou 2.753 vítimas no país desde o mes de marzo de 2020.