A Xunta anunciará esta terza feira restricións após outra xornada con récord de casos de Covid

Os novos contaxios baixaron aos 2.349, na Galiza aínda que se fixeron 3.801 probas PCR menos (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O Goberno galego anunciará na terza feira novas medidas para conter o avance da pandemia, após unha xornada con récord de casos activos da Covid-19. As restricións serán "proporcionadas" e buscarán "protexer "saúde e economía", adiantou Feixoo. A Galiza, polo de agora, fica lonxe das medidas tomadas en varias comunidades. 

Coa Galiza marcando novo récord da pandemia en casos activos de coronavirus (25.796, segundo os datos emitidos neste 27 de decembro por Sanidade), a Xunta da Galiza anunciará na terza feira restricións de cara ás festas natalicias que aínda fican por diante. O Comité Clínico que asesora o Executivo galego na xestión da pandemia reúnese na tarde deste 27 de decembro para debater as limitacións. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, declinou adiantar as medidas, que se coñecerán na mañá do 28 de decembro. Porén, si avanzou que se tomarán pasos "proporcionais e proporcionados" encamiñados a reducir as interaccións sociais en Fin de Ano co obxectivo de manter "baixo control" a presión hospitalaria e "protexer a saúde e a economía".

Co debate dos cotillóns e das Cabalgatas de Reis na mesa, Feixoo evitou dar por fechadas decisións antes de que o comité de expertos debatese. Iso si, remarcou que até o de agora na Galiza non se adoptou "ningunha restrición". Advertiu que, aínda que a situación polo de agora é "tranquila" nos hospitais, e a evolución "non está a ser mala" nin en planta nin en UCI, a incidencia e a taxa de positividade son "moi altas", polo que, se se mantén ao longo de varios días o incremento de  contaxios, isto "podería mudar".

"É evidente que con 3.000 ou 2.500 casos diarios de forma acumulada nos próximos días estariamos nunha situación hospitalaria non tan tranquila", incidiu, concluíndo con que é preciso reducir a interacción social. "Imos ver se podemos diminuír a interacción nos próximos días sen producir efectos moi nocivos no sector servizos e especialmente na hostalaría", afirmou.

Galiza, lonxe das zonas que encabezan as restricións

Catalunya, Asturies, Nafarroa, Murcia e Aragón aprobaron as restricións máis duras. Pola contra, Madrid, Castela-A Mancha, Estremadura e Castela e León non tomaron medidas adicionais. O Goberno vasco anunciou xa a súa a intención de fechar o ocio nocturno en Fin de Ano. 

A Galiza
Pendentes das novas restricións que a Xunta anuncie, até o de agora na Galiza as medidas tomadas por Feixoo fican moi lonxe das dos territorios máis estritos. Estas son: 
—Obrigatoriedade do PassCovid para acceder á hostalaría e restauración, lecer nocturno, albergues turísticos, e centros, servizos e estabelecementos sanitarios. 
—Prohibidos os eventos de cócteles e aperitivos de pé.  
—Limitación en hostalaría a oito comensais en interior e 15 en terraza. 
—Recoméndase que comidas e ceas de Nadal non excedan as oito ou dez persoas, preferibelmente da mesma burbulla familiar.

Catalunya
—Toque de recoller de 1 a 6 horas da mañá.
—O lecer nocturno está fechado.
—Redución de capacidades a  70% en varios sectores.
—Límite dos encontros sociais a un máximo de dez persoas.
—Exíxese o passCovid para hostalaría, ximnasios e para visitar  familiares en residencias. 

Aragón
—Fechamento da hostalería e a restauración ás 00 horas.
—Os locais de lecer nocturno fechan ás 2 da mañá. 
—PassCovid obrigatorio en hostalaría para celebracións de máis de dez persoas, lecer nocturno, salóns de xogo, visitas en hospitais, centros sociais e en grandes eventos en interior e exterior. 

Asturies
—O interior dos locais de lecer nocturno está fechado.
—A hostalaría fecha á 1 da mañá. 
—O passCovid é obrigatorio para o acceso a centros sociosanitarios, equipamentos culturais, deportivos, de restauración ou de lecer.

Murcia
—Fechamento de toda actividade non esencial á 1 da mañá. 
—Limítanse os comensais por mesa en bares e restaurantes a dez en interior e 12 en exterior.
—No lecer nocturno non se permite o uso das pistas de baile e o consumo en barra e en exteriores será sempre sentado.
—Exíxese o passCovid para o lecer nocturno, e opcional nos locais de celebracións, restauración e hostalería.
—Recoméndase evitar concentracións de persoas na rúa.

Nafarroa
—O passCovid é obrigatorio para acceder a bares especiais e discotecas, restaurantes cunha capacidade de máis de 60 comensais, para todo tipo de espectáculos culturais en interiores, residencias, hoteis e ximnasios.
—Establecementos, sociedades e locais fechan de 1 a 6 horas.

Persoal sanitario demanda medidas "máis duras" 

No marco das medidas aprobadas polo Estado e por cada comunidade, o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros, exixiu que se decreten "medidas máis duras" para frear o avance da sexta onda da Covid-19.

"Hai que tomar medidas máis drásticas. A transmisión do virus é basicamente en interiores. As máscaras na rúa non van axudar moito a reducir a transmisión", sentenciou este médico lugués. Apelou a que "as reunións familiares sexan limitadas, con moita ventilación, procurando ter un contacto pequeno e o tempo mínimo que se poida e evitar as sobremesas".

Con menos PCR, os contaxios caen a 2.349

Os novos contaxios diarios por coronavirus baixaron até os 2.349 na Galiza, segundo os datos comunicados este 27 de decembro por Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo. Son 429 menos que no día previo, aínda que hai que ter en conta que ao longo da fin de semana e das festas do Nadal foron diminuíndo as probas realizadas.

De facto, Sanidade informou de que nas últimas 24 horas leváronse a cabo 9.777 probas PCR, que son 3.801 menos que na xornada anterior. Á marxe deste dato, os novos contaxios diarios comunicados fican por baixo dos 3.100  do sábado, cifra récord de toda a pandemia na Galiza. Mentres, a presión hospitalaria ascende notabelmente aos 298 ingresados (24 máis).