As universidades galegas afirman que os contaxios chegan de fóra das aulas

Os tres reitores xunto á conselleira de Medio Ambiente. (Foto: Conchi Paz / Xunta).
Os reitores Antonio López (USC), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña) din "monitorizar" a pandemia e estar preparados para outras medidas. 

Antonio López (USC), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Julio Abalde (Universidade da Coruña) participaron conxuntamente esta segunda feira nun acto en Compostela e preguntados pola evolución da Covid-19 defenderon as actuacións que levaron a cabo nos seus respectivos campus.

Os reitores das tres universidades galegas explicaron que "monitorizan" a pandemia con estudos propios e contan con protocolos de actuación ante calquera problema, á vez que salientaron que as institucións académicas están "preparadas" para calquera "medida adicional" dos expertos

Reigosa apelou a "extremar a prudencia" dado que as taxas de contaxios son "cada vez máis fortes", aínda que a situación hospitalaria "non é extremadamente preocupante". Partidario da "coordinación", destacou que a Universidade de Vigo, por exemplo, contará con "algún estudo propio" antes do inicio das actividades académicas que permita "completar" o panorama que xa diagnostican a diario as autoridades sanitarias. Alén diso, expresou a súa convicción de que as tres universidades fixeron "moi ben" o seu traballo.

Control continuo

Abalde coincidiu con Reigosa e remarcou que a institución coruñesa "monitoriza continuamente" a situación epidemiolóxica e dos contactos, con todos os centros que dependen da mesma con información constante e "tomándose as medidas que se teñen que tomar".

Entre estas está o traballo telemático como cando "xurdiu algún surto ligado coas ceas de Nadal". E máis aló, defendeu que os contaxios "chegan de fóra", non se produciron "en actividades puramente universitarias".

"A situación é manexábel, mais estamos atentos e estamos a ver os distintos escenarios coincidindo con estas vacacións", dixo, antes de reafirmarse en que, aínda que a actividade exclusivamente universitaria "é segura", as institucións académicas porán todo do seu parte para ser elemento de "freo" da pandemia e non de expansión. 

Por último, López coincidiu en reivindicar que os centros universitarios foron "espazos absolutamente seguros" e defendeu que os escenarios tamén están deseñados para adaptarse a calquera nova "circunstancia".

Ademais, incidiu en que, neste caso, o período non é especialmente "lectivo", dado que os universitarios afrontarán exames até a primeira semana de febreiro. López está convencido tamén de que o comportamento das e dos estudantes das universidades galegas é "moi responsábel".